O Parlamento reclama que a Xunta insista ao Goberno central a redución ao 4% do IVE cultural e turístico

A redución do IVE turístico suporía "un apoio sen precedentes" a este sector e un "balón de osíxeno" para facer fronte ás consecuencias económicas da pandemia de COVID-19.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2020 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

A Comisión 6ª do Parlamento galego aprobou este xoves unha proposición non de lei na que se reclama á Xunta que inste o Goberno central a reducir ao 4% o IVE cultural e turístico como xesto de apoio a estes dous sectores afectados pola covid-19. Recibiu o apoio do PPdeG e do BNG.

A iniciativa, presentada polos populares, facía referencia inicialmente só ao IVE do sector turístico, aínda que foi modificada para incorporar unha emenda do BNG na que se pedía que esta rebaixa se aplicase tamén ao cultural. O PSdeG, que presentou outra emenda reclamando a posta en marcha de medidas por parte da Xunta, que non foi aceptada, abstívose.

O deputado popular Borja Verea sinalou durante a súa intervención na sesión a importancia desta "medida excepcional" e "amplamente demandada" polo sector para "aliviar notablemente a carga fiscal á que están sometidos" os turistas, cuxa redución redundaría nos establecementos, "dinamizando economicamente" ao sector.

A redución do IVE turístico, dixo Verea, suporía "un apoio sen precedentes" a este sector e un "balón de osíxeno" para facer fronte ás consecuencias económicas da pandemia de COVID-19.

Na mesma liña, o deputado do BNG Daniel Pérez estendeu os beneficios desta medida ao sector cultural, ao que a Xunta inclúe no plan de reactivación do ámbito turístico e que tamén sufriu importantes prexuízos coas cancelacións derivadas da pandemia.

"A redución do IVE na cultura e o turismo aliviaría a situación crítica de ambos os sectores", dixo o deputado nacionalista que, no entanto, explicou que esta reclamación ao Goberno central non exime á Xunta de "cumprir as súas competencias" e recomendou "non encomendarse só ao Xacobeo". "Non é bo pór todos os ovos na mesma cesta, por se se nos cae", resolveu.

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta