Os centros poderán solicitar a saída do recinto ao alumnado maior de 16 anos de bacharelato e FP durante os recreos

Terase que comunicar a situación ao concello para contar co apoio das forzas de seguridade no control das inmediacións do recinto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2020 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

O comité educativo aprobou este venres unhas recomendacións organizativas para os recreos nos centros. Segundo esta medida, establécese a posibilidade de que a directiva poida solicitar que o alumnado maior de 16 anos, que curse bacharelato, FP ou ensinos de réxime especial, poida saír do recinto durante esta parte do horario.

A proposta debe partir da dirección do centro tras a súa aprobación polo consello escolar e terá que presentarse á xefatura territorial correspondente e informar á inspección educativa. Así mesmo, terase que comunicar a situación ao concello para contar co apoio das forzas de seguridade no control das inmediacións do recinto.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, insistiu en que esta posibilidade terá un carácter extraordinario e estará vinculada á propia pandemia provocada pola COVID-19, co fin de facilitar a dispoñibilidade de espazos para manter a distancia de seguridade durante os recreos.

Doutra banda, a reunión deste comité abordou a preparación de dous novos protocolos de adaptación: un para actividades extraescolares e outro para centros que imparten ensinos de réxime especial. Así mesmo, avanzouse na posibilidade de realizar unhas instrucións para a realización de prácticas de FP para dentro e fóra do centro escolar.

Rodríguez destacou a importancia de contar con documentos específicos para poder manter estas actividades "coas máximas garantías de seguridade sanitaria", e que serán avalados polo comité clínico.

Reunión do comité educativo. XOÁN CRESPO
Reunión do comité educativo. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta