A Xunta condiciona as restricións ao "contexto" en cada concello, non só á incidencia acumulada

O conselleiro de Sanidade remítese ás decisións que adopte o comité clínico.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/10/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remitiuse ás decisións que adopte o comité clínico para establecer se se fixan novas restricións en máis municipios galegos ante a progresión dos casos de Covid-19. "Farémolo noutras áreas se o contexto xeral, non só a incidencia acumulada, así o suxire", expuxo.

Unha muller nunha terraza en Ourense
Unha muller nunha terraza en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Preguntado se se aplicarán medidas máis "duras" en concellos como Santiago de Compostela e Arteixo, que se atopan entre os concellos galegos no nivel máximo de alerta, o 3, precisou que os datos que se manexan para establecer as restricións inclúen "moitas variables" e "moitos parámetros".

Entre estes, citou a incidencia acumulada, a rastrexabilidade dos casos ou a información que achegan as xerencias sanitarias e as xefaturas territoriais de Sanidade.

"Os clínicos serán os que nos digan se temos que tomar algunha medida", expuxo o conselleiro, quen no caso das xa adoptadas en Ourense agradeceu á poboación o "cumprimento" das mesmas.

DEMANDAS EN ATENCIÓN PRIMARIA

Por outra banda, preguntado polas denuncias de persoal de Atención Primaria sobre a falta de recursos, admitiu que para a mesma é "un momento especial". "Hai que seguir traballando para que teñan máis ferramentas", recoñeceu o conselleiro.

Sobre a posibilidade de contratación de máis facultativos, afirmou que "o problema" é que "non hai facultativos de Atención Primaria dispoñibles para ser contratados". "Poremos os recursos na nosa man como leva facendo", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta