Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/10/2020 | Actualizada ás 22:42
A Consellería de Sanidade acordou limitar as reunións en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de dez persoas e restrinxiu a mobilidade nos municipios ourensáns fronteirizos do Carballiño, O Irixo e Boborás, ante a expansión do coronavirus.
Estas decisións foron adoptadas polo comité clínico que segue a evolución da covid-19 en Galicia, tras a reunión desta tarde, despois de constatar o aumento de contaxios en reunións sociais e familiares. Estas medidas publicaranse este mércores no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor desde a medianoite do xoves.
A mobilidade queda restrinxida dentro dos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, para protexer "coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes municipios e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona", apunta Sanidade nun comunicado.
En concreto, queda establecida unha mobilidade perimetral entre O Carballiño, O Irixo e Boborás, polo que os seus habitantes non poderán desprazarse fóra destes municipios fronteirizos, salvo por motivos laborais, educativos ou sanitarios. O pasado martes adoptouse este mesmo confinamento perimetral nos municipios de Ourense e Barbadás.
VERÍN E CELANOVA
Ademais, decidiuse elevar ao nivel tres ao municipio de Verín, no que permanecen as restricións de reunións a grupos de convivintes. Sanidade lembra que neste municipio bares e cafetarías limitaranse a atender nas terrazas a grupos de persoas convivientes e os restaurantes poden servir tamén no interior, cun aforamento limitado ao 50%.
No entanto, o Concello de Verín e representantes dos hostaleiros xa acordaron nas últimas horas que os bares e as terrazas pecharán durante 10 días ante a propagación dos contaxios por coronavirus. Estaba previsto que o peche se producise desde este martes ás 20,00 horas e a intención é levantalo o vindeiro xoves, 22 de outubro, mentres que os restaurantes continuarán abertos, posto que tan só terán que pechar as súas terrazas e os seus bares, en caso de telos.
Por outra banda, o comité clínico reunido este martes tamén acordou decretar o nivel dous na comarca de Celanova, tamén na provincia de Ourense. Desta forma, están limitados os aforamentos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalaría -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regulado, entre outros, así como a redución dos aforamentos en celebracións, velorios e lugares de culto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.