Por Europa Press / Redacción | MADRID | 15/10/2020 | Actualizada ás 14:57
O sindicato CSIF acudiu ao Defensor do Pobo para que recorra ante o Tribunal Constitucional (TC) o Real Decreto-Lei que dá a posibilidade aos alumnos de poder pasar de curso sen límite de suspensos.
Desde CSIF advirten de que esta normativa de medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, aprobada polo Goberno o mes pasado e que o Congreso convalida este xoves, arrinca sen ningún tipo de negociación nin consenso e "vai deteriorar a calidade do ensino en todo o país".
Por iso, reitera a súa petición de dimisión da ministra de Educación e FP, Isabel Celaá, quen, segundo o sindicato, "ocultou ao Consello Escolar e aos representantes dos traballadores o contido desta norma".
Ademais, o documento "non xustifica a situación de extraordinaria nin urxente necesidade que argumenta o Goberno para a súa aprobación e vulnera o principio de igualdade de oportunidades entre o alumnado", di CSIF. En concreto, os criterios de avaliación en educación primaria, secundaria e Bacharelato poderán ser modificados polas diferentes administracións educativas e centros docentes, polo que se dará un trato diferente ao alumnado, en función das CCAA na que se estude.
Neste sentido, o sindicato advirte de que "urxe un reforzo educativo e máis apoio ao alumnado no canto de rebaixar o nivel de esixencia para aprobar".
E avisa tamén de que os centros carecen de persoal sanitario, que faltan medios de protección, os cocientes continúan moi por encima dos 20 alumnos por clase que recomendara o Ministerio de Sanidade, e o reforzo de persoal interino é "insuficiente". Ademais, os fondos Covid-19 de 2.000 millóns para a Educación aínda non chegaron e non teñen carácter finalista, tal e como levan esixindo desde hai uns meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.