A Deputación da Coruña promociona o "camiño infinito" da súa costa para paliar a "freada" da covid

O vicepresidente do organismo provincial considera que a Xunta se centra "en exceso" no Camiño de Santiago

Por E.P. | A CORUÑA | 19/10/2020 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña estrea campaña de turismo cunha lema baseado no "camiño infinito" dos seus 956 quilómetros de costa para tentar paliar a "freada" que supuxo a pandemia de coronavirus nun dos "alicerces crave da economía" da provincia. Así o explicou o presidente, Valentín González Formoso, na presentación da campaña.

En declaracións aos medios, González Formoso lembrou que o turismo supón o 12% de PIB en Galicia e que xera "decenas de miles de empregos" polo que é, na provincia, "un alicerce crave da economía". O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, alertou, pola súa banda, de que existe unha "preocupación máxima" polo sector e aposta por unha "competitividade sa" cos territorios que rodean a provincia.

Con respecto á tempada de verán, Regueira explicou que os resultados "non foron malos" pero centráronse maioritariamente no rural: "Hai un problema nos ámbitos urbanos". A campaña de promoción tentará, dixo, "salvar na medida do posible a tempada".

O "camiño infinito" do que fala a campaña, advertiu o vicepresidente provincial, non só é o de Santiago, no que cre que a Xunta se está centrando "en exceso" de carao ao ano Xacobeo. "Espero que non sexa todo Camiño de Santiago, sendo importante", indicou, engadindo que sería "mal negocio" apostalo todo a este único produto.

DESDE MADRID

A suspensión de feiras ou eventos turísticos, engadiu o vicepresidente provincial, fará que o investimento para este tipo de actos se reinvista na campaña de promoción, que se realizará en medios de comunicación galegos, estatais e internacionais e en redes sociais. Será, dixo, unha campaña "intensa" para captar visitantes "desde Madrid cara arriba", incluídas as outras tres provincias.

Un surfeiro colle unha onda xigante na Costa da Morte
Un surfeiro colle unha onda xigante na Costa da Morte

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta