A Galicia atlántica vólcase coa recollida de firmas para crear a ‘canle Xabarín’

A campaña de sinaturas arrinca coa colaboración de máis de 250 establecementos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Proseguen os pasos para dotar a Galicia dunha canle infantil integramente en galego. Un mes despois da presentación da campaña, a Mesa pola Normalización de Lingüística vén de anunciar que conta xa con máis de 250 establecementos para xestionar a recollida de sinaturas nas catro provincias galegas.

Mapa da Mesa pola Normalización que mostra os establecementos onde se pode depositar a sinatura para o proxecto da Canle Xabarín
Mapa da Mesa pola Normalización que mostra os establecementos onde se pode depositar a sinatura para o proxecto da Canle Xabarín | Fonte: A Mesa

O apoio vén de ser celebrado no marco do trámite para levar ó Parlamento Galego unha proposición Non de Lei para pedir a creación dunha nova canle na CRTVG pensada exclusivamente para a rapazada. Aínda que a Mesa xa recolleu na súa web miles de sinaturas a prol da iniciativa, o trámite parlamentario preséntase máis complexo.

Neste caso, para que as sinaturas sexan dadas por válidas han de ser recollidas nun trámite que precisa dunha rede de puntos presenciais. Ante esta circunstancia, a plataforma con sede en Compostela arrincou o pasado xoves 17 unha campaña para pedir o apoio de establecementos do país.

En apenas unha semana, a asociación xa colleitara máis de 100 puntos de recollida en 47 concellos, un “enorme apoio social” que dende entón xa se viu multiplicado. E é que, actualmente, son xa poucos os puntos das catro provincias que non contan cun espazo de referencia para depositar a sinatura a prol da canle Xabarín.

4 MESES PARA 2.500 SINATURAS

Para facilitar a localización destes establecementos, a Mesa vén de publicar un mapa no que lista a totalidade de comercios e espazos colaboradores. Tal e como se pode comprobar na imaxe, a rede de recollida de sinaturas abrangue a práctica totalidade do territorio galego, se ben é certo que a concentración é maior nas áreas costeiras.

Na xornada do luns deu comezo oficialmente o proceso de recollida de sinaturas, que segundo apuntan dende a plataforma estenderase ao longo dun total de 4 meses. O obxectivo é acadar os 2.500, limiar que a lei dispón para que a iniciativa progrese. A Mesa, con todo, agarda conseguir “moita máis” para retratar un apoio que xa quedou plasmado na recollida non oficial da súa web: van polas 15.000.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta