Feijóo rexeita a moción de Vox pero usa a súa terminoloxía para criticar o "nefasto Goberno social comunista"

Gonzalo Caballero leva os ecos da moción á Cámara autonómica, onde pide condenar o "populismo demagóxico da ultradereita".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 21/10/2020 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

Os ecos da moción de censura de Vox que se debate no ámbito estatal chegaron ao Parlamento de Galicia este mércores, tendo en conta que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu "a todas as forzas", incluído o PPdeG, que se poñan "á beira do Goberno" que dirixe Pedro Sánchez fronte á "ameaza fascista" do "populismo demagóxico da ultradereita en España" que "pon en risco o modelo de convivencia" da democracia española.

Na súa resposta, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ironizou con que Caballero recibira "unha mensaxe de Ferraz", antes de ratificar o seu rexeitamento, xa explicitado en días pasados, a unha iniciativa censora que, baixo o seu punto de vista, "non deixa de ser un show de entretemento que vén moi ben" ao Executivo estatal.

Dito isto, reafirmouse en que o PP é a única "alternativa" ao "nefasto goberno social comunista" que dirixe España.

"VÉNLLES MOI BEN"

"A vostede e ao seu grupo esa moción vénlles moi ben. Sigan entretidos, mentres España está cunha pandemia, na peor situación económica e, lamentablemente, con algún tic antidemocrático que nos preocupa aos demócratas", retou.

Pola súa banda, na súa quenda, a portavoz do Bloque, Ana Pontón, criticou que socialistas e populares "usen" a Cámara autonómica para "defender", respectivamente, "a Pedro Sánchez e a Pablo Casado" no canto de centrarse nos "problemas moi graves" que ten Galicia.

Feijóo, máis tarde, ironizou con que non debería "molestar" a Pontón que el non estea de acordo co Executivo estatal, aínda que os nacionalistas --subliñou-- o apoien".

Feijóo no pleno.. Xunta de Galicia
Feijóo no pleno.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta