Por Galicia Confidencial | Ourense | 22/10/2020 | Actualizada ás 12:04
Iberdrola está a tramitar outro megaproxecto hidroeléctrico de 900 MW usando como "depósitos" os encoros de Cenza e Bao. Máis de 15 km de túneis, unha central en caverna a 600 m baixo o Macizo Central e millóns de m3 de entullo en plena Rede Natura 2000. Así o denuncia a organización ecoloxista Adega que asegura que o denominado "aproveitamento hidroeléctrico Conso II" pretende construír unha central de reversíbel en caverna que operará alternativamente turbinando a auga do encoro superior (Cenza) e bombeando a do inferior (Bao).
Toda esta instalación localízase dentro da ZEC Macizo Central, parte da RN2000, un espazo intensamente castigado pola última vaga de lumes de Ourense. A área na que se desenvolvería este proxecto, que xa pasou a fase de consultas previas, acubilla unha das mellores representacións do glaciarismo pleistoceno do noroeste peninsular, con vales como o de Cenza, parcialmente estragado por un dos encoros, circos e morrenas fósiles como a de Chaguazoso, directamente afectadas por este proxecto.
"Anos de obras con maquinaria pesada e toneladas de explosivos dentro da Rede Natura acabarán por estragar unha paisaxe única, afectando a hábitats prioritarios moi fráxiles e especies protexidas", denuncia Adega nun comunicado. A propia Iberdrola cita na documentación do proxecto que os obxectivos de conservación das masas dos encoros de Bao e Cenza establecidos no Plano Hidrolóxico, están en risco pola presenza de "presións significativas".
OUTROS GRANDES PROXECTOS
Iberdrola conta xa con 4 grandes aproveitamentos hidroeléctricos na bacía do Bibei, 3 deles reversíbeis. E no conxunto do sistema Miño-Sil, hai outras 31 grandes centrais, e ducias de minicentrais. Trátase sen dúbida da bacía hidrográfica máis intensamente explotada de Europa con relación á súa superficie.
A empresa xustifica este novo megaproxecto como un sistema para almacenar enerxía e aportar "estabilidade, seguridade e sustentabilidade" ao sistema eléctrico. Indica que aproveitará e "enerxía sobrante" de "excedentes de produción de renovábeis non xestionábeis" (en referenza á eólica) "para bombear auga do encoro inferior ao superior, turbinándoa cando lle conveña", segundo Adega.
Así, critica que o réxime de funcionamento destas instalacións amosa tamén cal é o obxectivo último: "facer negocio". "Adoitan bombear pola noite, cando a demanda cae e non poden colocar o seu produto, e turbinar polo día, cando os beneficios son maiores", destaca o grupo ecoloxista que lembra que Galicia xa é excedentaria na produción de enerxía electrica.
"A cuestión é se a necesaria transición enerxética vai ter un carácter exclusivamente industrial, beneficiando outra volta ao oligopolio electrico, ou atender ás necesidades da cidadanía e dos territorios afectados", alerta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.