Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2020 | Actualizada ás 20:05
A Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) conmemorará o luns 26 de outubro o Día do Dano Cerebral cunha campaña 'en liña', edificios públicos iluminados e un manifesto no que volverá reclamar a necesidade de impulsar unha estratexia de atención aos pacientes desta doenza --case medio millón en España e máis de 35.000 en Galicia-- que garanta "a máxima calidade de vida posible".
Estas son algunhas das "diversas actividades" --principalmente a través de Internet, debido á crise sanitaria-- que organizará este luns o movemento asociativo do ano cerebral adquirido para reivindicar os dereitos do colectivo.
Entre as principais demandas, as entidades agrupadas na Federación Española de Dano Cerebral (Fedace) volverán reclamar nun manifesto conxunto esa estratexia de atención e un censo de persoas que o padezan co obxectivo de "axudar a dimensionar os recursos precisos" para a súa rehabilitación e inclusión social.
A estas demandas súmanse este ano outras derivadas da pandemia da COVID-19, posto que a segunda onda "pon en risco" a actividade presencial das entidades de atención ao dano cerebral. Estas defenden o seu "traballo vital" polas persoas que o paceden e reclaman "o apoio de todas as administracións".
O manifesto presentarase ao finalizar un almorzo que versará sobre 'Desigualdades territoriais na atención ao dano cerebral en España', que será o luns ás 11,00 horas. A partir das 12,00, moitas asociacións farán as súas propias lecturas do manifesto "dando protagonismo a familias e persoas usuarias".
Tamén o luns, as entidades de Fedace lanzarán un vídeo en redes sociais para conmemorar os 25 anos da federación a nivel estatal. En Galicia, a Asociación de Dano Cerebral de Lugo estreará outro vídeo protagonizado polos seus usuarios, mentres que a de Vigo abrirá as súas portas a través da rede para mostrar o seu traballo diario.
Ademais, diferentes edificios e monumentos públicos da Comunidade galega, por exemplo as Torres Hejduk da Cidade da Cultura, en Santiago, tinguiranse de azul na tarde noite do luns.
Así mesmo, como xa é tradicional, as Fegadace anima a toda a cidadanía a subir ás redes sociais fotos coa man na cabeza ao longo da xornada co hashtag '#DíaDanoCerebral'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.