Da Galicia rural, á Galicia urbana... Pode haber vida máis alá do eixo atlántico?

Hai investigadores que cren que normas como a coñecida como "lei de depredación industrial de Galicia" son boas para crear postos no rural e evitar o despoboamento. Outros, baseandose en datos estatísticos, observan que no 2033 a Galicia rural pode ser un deserto, coa maior parte da poboación vivindo en entornos urbanos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia asiste a unha era de forte concentración da poboación ao redor das grandes cidades que está deixando despoboadas as zonas rurais. Non é un fenómeno que só aconteza aquí. A maior parte das zonas do interior de España e Portugal están pasando polo mesmo fenómeno. Pero está preparado o país Galego para este novo fenómeno económico e social?.

Unha aldea abandonada de Viveiro a punto de ser vendida por un portal que vende ao estranxeiro
Unha aldea abandonada de Viveiro a punto de ser vendida por un portal que vende ao estranxeiro | Fonte: XdM

Desafíos como a vida, o traballo ou as novas oportunidades laborais no rural chocan coa falta de infraestruturas básicas como o acceso a Internet ou, mesmo, unhas boas infraestruturas viarias. Así, mentres uns expertos cren que as medidas postas en marcha pola Xunta para impulsar a actividade económica nas áreas do interior son as correctas, outros tiran de datos e estatísticas nos que se pode ver claramente que non teñen ningún efecto e que a Galicia do interior está despoboandose.

Un estudo realizado por Luís Míguez, da Facultade de Dereito da USC, sobre as medidas de mellora regulatoria como instrumento na loita contra o ddespoboamento do medio rural en Galicia, destaca que a "política de mellora regulatoria" emprendida pola Xunta ao longo da última década pode ser un factor que contribúa a mitigar o despoboamento do medido rural, ao facilitar a implantación de actividades produtivas nas zonas en risco de despoboamento e contribuír, así, á fixación de poboación nelas. 

AXUDAN AS LEIS DA XUNTA?

Refírese Míguez, especialmente, a actividades empresariais que a Xunta aprobou na chamada Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais no 2017, coñecida polas entidades ecoloxistas como a “lei de depredación industrial”. “Hai ámbitos nos que os avances producidos son substanciais, como o do réxime urbanístico e de intervención administrativa nas actividades económicas, apreciablemente simplificado polas últimas modificacións lexislativas, malia que aínda subsistan aspectos que precisarían de ulteriores melloras (en particular, a tramitación dos procedementos de avaliación ambiental... )”, apunta nun artigo publicado no último número da Revista Galega de Economía.

O alcalde de Cortegada na aldea abandonada de A Barca
O alcalde de Cortegada na aldea abandonada de A Barca

Por outra banda, Míguez tamén destaca o gran problema que representa o abandono da terra agraria produtiva e, neste punto, destaca a experiencia do Banco de Terras de Galicia e a aplicación da vixente Lei de mobilidade de terras para a recuperación e posta en valor das terras en estado de abandono ou de cultivo deficiente para poñer en marcha proxectos empresariais.

Con todo, apunta que a implantación de actividades produtivas no medio rural non só depende da existencia dun marco regulatorio favorable, “senón tamén da dispoñibilidade das infraestruturas e servizos necesarios, entre os que, na actualidade, adquiren especial relevancia aqueles ligados á sociedade e á economía dixitais”.

AS ESTATÍSTICAS DIN COUSAS DIFERENTES 

Pero outro estudo realizado por Esteban Fernández Vázquez e Fernando Rubiera Morollón, do Laboratorio de Análisis Económica Regional (REGIOlab) e do Departamento de Economía Aplicada da Universidad de Oviedo, respectivamente, indican todo o contrario. Os seus resultados contradín a crenza de que no contexto da sociedade da información e da comunicación se asista a un proceso de migración desde os principais núcleos urbanos ás contornas rurais e, xa que logo, á reconquista do “campo”. Un fenómeno do que se comezou a falar, e moito, durante e despois do confinamento.

Polo menos ata a data, e nas proxeccións feitas ata o ano 2033, estes investigadores non aprecian que ese comportamento se produza de modo relevante. “O que observamos, pola contra, é unha tendencia á concentración preto das cidades ou das áreas máis poboadas”, apuntan no artigo sobre as proxeccións de poboación para áreas pequenas e estimacións no ámbito da parroquia nas catro provincias galegas e en Asturias publicado tamén na Revista Galega de Economía.

“As políticas de ordenación do territorio e conservación ambiental deberían ter en conta esta tendencia, planificando a reforestación de montes e a creación de espazos naturais máis amplos ante un modelo de asentamento da poboación que tende a ser moito máis concentrado”, indican estes investigadores.

CAMBIO DE MODELO DE ASENTAMENTO POBOACIONAL

No seu estudo desagregaron as proxeccións do Instituto Nacional de Estadística a unha escala moito máis detallada que a provincia, o que lles permite ter información das tendencias previsibles en zonas rurais ou en pequenos núcleos poboacionais totalmente consistentes coas proxeccións oficiais a escala provincial. Así, aplicaron este procedemento a Asturias e a Galicia, estimando proxeccións da densidade de poboación por parroquias para o período 2019-2033. 

“Os resultados da nosa aplicación son coherentes coas conclusións dalgúns estudos previos que traballaron con áreas amplamente desagregadas. Observamos unha tendencia á concentración ao redor das principais cidades da área estudada. Dentro das áreas rurais, constatamos un comportamento similar, cun abandono progresivo da aldea, ou asentamento rural disperso, en favor dunha concentración arredor dos núcleos de poboación principais de cada área. Todo isto conduce a un cambio de modelo de asentamento poboacional. Cada vez ocúpase menos territorio, e o espazo despoboado achégase aos núcleos urbanos”, destacan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta