Anulada a prohibición de destinar vivendas a aloxamentos turísticos na zona antiga de Santiago

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ve "xustificada" a medida impulsada por Compostela Aberta, pero anúlaa por "infrinxir o procedemento".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/10/2020 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a prohibición de destinar vivendas a aloxamentos turísticos temporais na zona antiga de Santiago de Compostela.

Marta Lois e Jorge Duarte na presentación da campaña contra pisos turísticos
Marta Lois e Jorge Duarte na presentación da campaña contra pisos turísticos | Fonte: Concello de Santiago

Segundo informa, o alto tribunal estimou de forma parcial un recurso presentado por un particular contra a modificación do Plan Especial-1 de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, impulsada polo anterior goberno local de Compostela Aberta e aprobada polo pleno do Concello de Santiago o 15 de novembro de 2018

Os maxistrados consideran que a Administración local "non respectou o procedemento", xa que realizou "modificacións substanciais" no plan especial "sen unha previa información pública na forma esixida na lei".

O Concello, con ese cambio, segundo explica a sentenza, pretendía "asegurar a preservación da cidade histórica como lugar de residencia" co obxectivo de "deter" o proceso polo que se estaba a baleirar de residentes da zona e que "supón, de facto, a proliferación dos aloxamentos turísticos, que substitúen poboación permanente por poboación flotante, ameazando así a protección da cidade histórica como cidade viva e habitada".

O TSXG indica na resolución que "existe xustificación" para levar a cabo esa modificación do plan, pois considera que está "motivada" e baseada "en razóns de interese público".

Con todo, anúlaa por infrinxir o procedemento legalmente establecido, que obrigaba á súa exposición pública antes da aprobación porque se introduciron "modificacións substanciais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta