O Concello da Coruña presenta un informe artístico para que se declare BIC a Casa Cornide

Avanza que iniciará os trámites ante a Xunta para que teña a protección "que se merece". A Comisión Aberta en Defensa do Común convocou para o sábado unha marcha cívica para reclamar a recuperación do inmoble.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 27/10/2020 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña apelou ao contido dun informe artístico para reclamar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para a Casa Cornide. Segundo informa, recentemente recibiu o citado informe, do que afirma que "confirma a singularidade" do edificio. Con el, explica que o consistorio comezará o procedemento administrativo para solicitar que sexa declarado BIC.

Respecto diso, avanza que a alcaldesa, Inés Rei, convocará aos integrantes do Consello da Memoria Democrática e que rexistrará a solicitude de Declaración BIC na Xunta para que a Casa Cornide teña "a protección que merece".

"Isto confirma que os Franco se fixeron cun edificio dun valor patrimonial e histórico incalculable para a cidade, un inmoble que se expolió tras unha poxa arranxada, e que ten que volver ser parte do patrimonio público da Coruña e dos coruñeses".

ESTUDO

Desde o consistorio, explícase que o experto Vigo Trasancos completou un estudo no que participaron profesionais de historia da arte, arquitectura, historia, topografía e conservación de bienesculturales, que corrobora, engade, "a excepcionalidade" do inmoble.

Tamén apela á distinción de BIC pola condición de "monumento" do inmoble. "As claves están na adustez militar do seu aspecto forte, que vén en parte por eses trazos barrocos, pero sobre todo, ten que ver coas características cosmopolitas que están vinculadas á arquitectura da primeira Ilustración", indica sobre o contido do estudo.

Casa Cornide. SANDRA GARCÍA REI - Arquivo
Casa Cornide. SANDRA GARCÍA REI - Arquivo | Fonte: Europa Press

MARCHA PARA RECLAMAR A RECUPERACIÓN DE CASA CORNIDE

A Comisión Aberta en Defensa do Común convocou para o sábado unha marcha cívica para reclamar a recuperación da Casa Cornide, actualmente propiedade da familia Franco.

Esta segunda marcha, segundo os convocantes, será, como a primeira, un "acto reivindicativo e festivo", con saída ás 12,30 horas, desde a praza de María Pita.

En concreto, estará encabezada por un grupo de gaiteiros e unha comitiva coa presenza de "os principais protagonistas do roubo do Pazo de Meirás e Casa Cornide", sinalan aludindo, entre outros, a Francisco Franco e a súa esposa Carmen Polo.

Tamén aseguran que se recreará as figuras de Pedro Barrié e a súa esposa, Carmela Arias e dos alcaldes da Coruña Alfonso Molina e Sergio Peñamaría. Por outra banda, explican que, ao termo da mobilización, lerase un manifesto a cargo do escritor e xornalista Manuel Rivas.

Esta segunda marcha, convocada por 23 entidades de distintos ámbitos, incluirá, segundo explicaron, o cumprimento das medidas sanitarias impostas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta