Pontevedra leva o Samaín ás rúas para cumprir coas restriccións sanitarias

As prazas da Ferrería e de España vestiranse de cabazas, corvos e teas de araña.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2020 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

Pontevedra vístese de tebras para celebrar o Samaín. A poucos días da festividade de Tódolos Santos, o municipio pontevedrés vén de engalanarse cos recursos propios desta época do ano para facer as delicias de pequenos e maiores. Así é que, dende este xoves, distintos puntos da cidade contarán cun amplo abano de decoración con motivo do momento: dende cabazas a corvos.

Decoración de samaín en Pontevedra con motivo do día de Todos os Santos
Decoración de samaín en Pontevedra con motivo do día de Todos os Santos | Fonte: Concello de Pontevedra

En concreto, o particular atrezzo estará disposto nos xardín de dúas prazas, a de España e a Ferrería. Ambos espazos mudaron este xoves os buxos de cores coa bandeira LGTBI que exhibían ata a data por un decorado de Samaín cos tradicionais calacús, ourizos de castaña, lápidas de pedra, teas de araña, pacas de palla, corvos e outros seres do máis aló. As cabazas, iso si, serán retiradas na semana vindeira para evitar que aprodrezan no espazo público.

A instalación deste novo decorado encádrase dentro do proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural ‘Xardíns que falan’, que busca converter os espazos verdes de Pontevedra en "elementos vivos, dinámicos, temáticos e con mensaxe", segundo destacan dende a Concellería. Os traballos para colocar estes elementos foron supervisados polo tenente de alcalde, Tino Fernández; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey.

“Se a bandeira LGTBI xa tivo moitísimo éxito, con pontevedreses e visitantes sacándose  otografías case tódolos días, o resultado deste decorado é tan abraiante que vai

despertar sen dúbida as paixóns dos amantes dunha festa tan nosa como o Samaín”, subliñou Fernández.

Tal e como avanzou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, “os xardíns da cidade seguirán ‘expresándose’, ‘falando’, en distintas festividades e causas sociais”, proxectando unha intervención “máis chamativa que a deste ano para as conmemoracións LGTBI”. . 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta