O PP pide que Caballero avale negociar unha coalición en Ourense e o PSOE acúsao de pór "máis trabas" ao diálogo

O portavoz socialista expón que o único que teñen que facer os 'populares' é asinar a moción de censura.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/10/2020 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O PP de Ourense enviou unha carta ao PSOE que asina o seu presidente local, o exalcalde Jesús Vázquez, na que reclama "un posicionamento expreso" do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, que avale o inicio das negociacións para alcanzar un goberno de coalición no Consistorio ourensán.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: PSdeG.

A nivel orgánico, os populares subliñan que o PP na cidade ten "plena liberdade" para "acertar nas súas decisións" e lembran que así o trasladou en sede parlamentaria o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

En fronte, consideran que Caballero "debe pronunciarse" con respecto a se "asume un goberno de coalición PSOE-PP" para iniciar as reunións de traballo e conformar "un goberno estable cun programa ambicioso" para a cidade" nos dous anos e medios que quedan de mandato.

Unha vez que se produza a "declaración expresa" de Gonzalo Caballero "en favor deste punto de partido", os populares entende que se poderán iniciar as reunións de traballo para "sentar as bases dun futuro goberno de coalición desde a lealdade" á cidade.

Con todo, o portavoz municipal do PSOE na cidade das Burgas, Rafael Villarino, acusou os populares de dificultar "máis" un goberno para a cidade con esta carta. Ao seu modo de ver, non fai "proposta" algunha, senón que se limita a engadir "unha condición" para poder falar.

Villarino expuxo que o Partido Popular, que se "describía como xeneroso e dialogante, non é así" xa que, xuntarse co resto de partidos "non é xenerosidade senón unha responsabilidade das forzas políticas" e o feito de que, ao longo da semana non accedese a un encontro cos socialistas evidencia a diferenza entre o que reivindican os populares e a realidade.

Para os socialistas, o PP unicamente está "a engadir trabas" coa intención de "dilatar o tempo" para manter esta situación e, con todo, despois "buscar culpables", uns culpables entre os que "non se incluirán cando toda a poboación sabe que son parte do problema e que deberían pedir perdón pola situación na que se atopa a cidade".

Villarino explicou que hai un momento "en que a paciencia se esgota" porque é "difícil avanzar" se "non queren" sentar á mesa a menos que Gonzalo Caballero faga unha declaración pública respecto diso. O portavoz afirmou que o Partido Popular ten que dicirlle "á cidadanía que queren perpetuar este goberno".

Engadiu que, ademais, Gonzalo Caballero manifestou publicamente, en reiteradas ocasións, que o que solicita é a firma para chegar aos 14 apoios e "outras tantas veces" que "non hai ningunha posibilidade pechada". "Non hai máis que dicir a non ser que necesiten que o xure con sangue e o firme cunha cruz", apostilou.

Deste xeito, sentenciou que a situación "está clara" e que o PP se nega a reunirse a pesar de que llo pide "unha persoa que ten o beneplácito dos demais concelleiros do Partido, da Agrupación Provincial, da Agrupación Galega e de quen faga falta".

QUE ASINEN A MOCIÓN

O portavoz socialista expuxo que o único que teñen que facer os populares é asinar a moción de censura e "deixar de ser o partido das condicións que non achega nada" e non busca unha solución á situación. "Esta cidade non lles importa, o único que lles importa é que as cousas sigan como están", lamentou.

Por último, advertiu que, se a situación se mantén "enquistada", "o que queda" é pór sobre a mesa unha moción de censura na que as forzas políticas se retraten, "que se manifesten aqueles que non queren asinar" unha moción "para deixar clara cal é a súa posición".

"O que non é admisible" é que un partido "bloquee unha cidade e a leve bloqueando desde hai moito tempo", pero agora con "argumentos indefendibles" como esta "nova condición".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta