Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2020 | Actualizada ás 16:56
A presidenta da asociación Si Hai Saída, Marta Rodríguez Engroba, alertou este venres sobre a "desprotección" que sofren as vítimas da violencia machista debido á pandemia do coronavirus.
Neste contexto, un eventual segundo confinamento domiciliario sería, segundo as súas palabras, unha "noticia tremenda" porque estas mulleres están "totalmente desprotejidas" e son "presas dos seus maltratadores".
"Non é que non poidan pedir axuda en moitos casos, senón que por exemplo os que estamos en contacto con elas habitualmente non podemos chamalas, nin mandarlles un 'WhatsApp', porque se o maltratador ve esas mensaxes pode ser a súa sentenza", avisou.
Rodríguez Enrgoba incidiu no total "desamparo" destas mulleres, pondo o acento en que "non se incrementou para nada a súa protección, nin o seguimento" por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado.
"Vendéusenos fume no primeiro confinamento e non se fixo nada para resolver esta situación en previsión do que puidese pasar", lamentou Rodríguez Engroba.
A activista lucense contra a violencia de xénero censurou que "se a situación das vítimas xa era tremenda, seguen sendo as grandes esquecidas e relegadas desde o momento en que a pandemia fixo acto de presenza e agora son practicamente invisibles".
"Hai mulleres e menores que son os grandes esquecidos, que corren un perigo certo. Non teñen onde acudir e non hai reforzos (policiais), dígannos o que nos digan", criticou finalmente a presidenta de Si Hai Saída.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.