As anpas cargan contra a Xunta por un plan para a teledocencia "improvisado"

Anpas Galegas denuncia o "abandono" dos alumnos por parte de Consellería de Educación

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2020 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

A Confederación Anpas Galegas criticou a "improvisación" no novo Plan de Ensino Virtual e a "marxinación" de pais e titores por parte da Xunta na creación do mesmo. Nun comunicado dirixido ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a entidade sinalou que o proxecto non abarca todas as situacións ás que podería enfrontarse un alumno ou centro escolar, xa que "ampara unicamente ao alumnado en corentena". "Déixase fóra a aqueles estudantes con síntomas compatibles co COVID-19 ou aos que se atopen á espera do resultado dunha proba PCR".

A orde nº 175 do Diario Oficial de Galicia (DOG) sobre illamentos por COVID-19 emprega o termo "corentena" para distintos supostos: sintomatoloxía compatible, probas PCR ou confinamentos preventivos. A organización reprochoulle tamén ao conselleiro non incluír no proxecto a aqueles estudantes que convivan con persoas vulnerables ao COVID-19, unha circunstancia que non recolle tampouco o DOG.

Anpas Galegas referiuse no comunicado á dotación de medios informáticos nos centros educativos, subliñando que a Administración non ten en conta "os problemas de conectividade que presenta a nosa xeografía". A implantación dos denominados "horarios-espello" suscitou tamén críticas por parte de pais e titores. "Alguén pensa que podemos sentar a un neno de 8 anos diante dun computador durante cinco horas seguidas?", pregúntase a asociación no comunicado.

A este respecto, o Plan de ensino virtual recolle "a importancia de respectar os períodos de descanso dos estudantes" e deixa o seu deseño e implantación en mans dos centros de estudos.

A confederación agradeceu o esforzo persoal de centros e profesores pero destacou que agora mesmo "o alumnado está desatendido por parte da Administración", que descarga "toda a responsabilidade en colexios que non teñen nin medios, nin capacidade nin a formación tecnolóxica necesaria". Manifestaron que "tecnoloxicamente falando, a escola galega está anquilosada no pasado", unha situación que "repercutiu" no ensino galego en tempos de pandemia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no pleno. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no pleno. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta