Por que a Xunta pecha as cidades pero permite a práctica de deportes federados?

Esta fin de semana máis de 1.000 persoas poderán desprazarse por toda Galicia para participar en distintas competicións.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 06/11/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"Caóticas, arbitraris e delirantes". Deste xeito cualificou o  tenente de alcalde e edil de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, as últimas medidas adoptadas polo Goberno da Xunta no eido da actividade física e o deporte.  “Como é posible que a Xunta permita que máis de 1.000 persoas se despracen por toda Galicia para xogar partidos de competición e, sen embargo, a miña nai non poida, por exemplo, ir ao cemiterio de Cotobade a visitar aos seus familiares falecidos? A quen, ademais de a Feijóo, lle pode parecer que estas viaxes non contribúen a espallar o coronavirus por toda a nosa xeografía?", denuncia.

Mapa de desprazamentos de equipos federados na primeira fin de semana de novembro
Mapa de desprazamentos de equipos federados na primeira fin de semana de novembro

O socialista considera “indefendible” que “nuns momentos de restricións á mobilidade, a Orde autonómica siga a permitir non só o adestramento federado, senón tamén os desprazamentos para asistir a competicións federadas”, limitando a actividade física ao aire libre a seis persoas convivintes, pero “permitindo que nunha cancha de 40 x 20 metros poidan adestrar 20 ou 25 persoas non convivintes”.

“E o que aínda é peor, permítese que estes equipos -sinalou Fernández- se poidan desprazar por toda Galicia a xogar con outros equipos, o que, no caso das categorías Xuvenil ou Infantil, tradúcese no desprazamento de xogadores, técnicos e, en moitos casos, ao non poder facerse en transporte colectivo, de familiares que terán que conducir o vehículo no que viaxen”, advirte.

Tal e como expuxo e, en base a un cálculo moi prudente feito polo Servizo Municipal de Deportes de Pontevedra, na semana de Todos os Santos houbo polo menos 75 partidos de competición en toda Galicia, "é dicir, 75 desprazamentos”. "Sumando xogadores, familiares, técnicos, delegados, etc., estamos falando de máis de 1.000 persoas movéndose por toda Galicia”, apuntou. 

Fernández lamentou que as novas restricións plantexadas por Feijóo “non só non solucionen esta situación, senón que a continúen a prorrogar no tempo”, cando, dixo, esta fin de semana hai previstas bastantes máis de 100 competicións en territorio galego. "É un sinsentido moi grave e un agravio comparativo que esteamos a pedir prudencia, que se estean a pechar bares e cafeterías e que, sen embargo, non se adopten medidas máis estritas coas competicións federadas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta