Os datos do CIS dan gañador o PP nunhas hipotéticas eleccións autonómicas co 27,5% dos votos

O BNG tería o 25,3% dos votos mentres que o PSdeG levaría un 21,1%

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

O PPdeG sería o partido mais votado en Galicia nunhas hipotéticas eleccións autonómicas, cun 27,5% dos apoios, seguido do BNG, que lograría o 25,3%, e o PSdeG volvería ser terceira forza co 21,1% dos votos, segundo unha enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) realizada en marzo deste ano sobre as tendencias e as demandas municipais e autonómicas en toda España, con 1.146 entrevistas realizadas na Comunidade galega.

Segundo os datos publicados este martes, a un 32,2% dos enquisados gustaríalle que o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ocupase ese mesmo posto, mentres que o 20,8% decántanse pola líder do BNG e un 7,6% prefiren o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.

En canto á xestión realizada polo Goberno galego nos últimos anos, o 40,6% considera que é 'Boa', fronte a un 28,4% que a ve 'Mala' e un 15,1%, 'Moi Mala'.

Así mesmo, un 85,5% dos enquisados afirmaron que acudiron a votar nos pasados comicios autonómicos. Deles, o 34,7% votou ao PPdeG, o 28% ao Bloque e o 22,1% ao PSOE. Ademais, un 2,5% depositou a súa confianza en Sumar, un 1,8% en Vox e un 0,9% en Podemos.

Entre as iniciativas que cren máis necesarias que realice a Xunta nos próximos anos, destaca moi por encima do resto de ítems a mellora da sanidade pública (18,1%). Tras este asunto, os galegos entrevistados ven necesario fomentar os plans de emprego (8,6%), políticas de acceso á vivenda (7,8%), a protección do medio ambiente e medidas contra o cambio climático (7,8%) e mellorar o funcionamento dos servizos públicos e políticas sociais (6,6%).

ELECCIÓNS XERAIS

Doutra banda, cuestionados sobre unhas hipotéticas eleccións xerais, o 27,4% sinalaron que votarían ao PP, seguido do PSOE (26,7%), do BNG (11%), Vox (4,6%), Sumar (2,8%) e Podemos (2,6%). Neste caso, un 12,1% asegurou que aínda non sabe a quen apoiaría.

Dos que votaron nas eleccións de xullo de 2023, un 35,6% fíxoo ao PSOE, mentres que un 30,1% apoiou ao PP, un 11,9% elixiu ao BNG e un 10,5% optou por Sumar.

VIGO: ABEL CABALLERO E PSOE

Por outra banda, este estudo sobre tendencias e demandas municipais e autonómicas inclúe tamén varias cidades, entre elas, Vigo, onde se recolle que o PSOE repetiría á fronte do consistorio olívico cun 49,5% dos apoios. Séguenlle o BNG, cun 14,9% dos votos, e o PP, co 10,7%.

Sobre quen lles gustaría que fose alcalde ou alcaldesa da cidade, a opción máis repetida é o actual rexedor, Abel Caballero (PSOE), cun 62,1%. A seguinte opción que se menciona é o 'Candidato/a que nomee o BNG', cun 4,3%, e, a continuación, Xabier Igrexas (BNG), cun 2,5%.

En leste mesma sondaxe aplicada á cidade de Vigo pregúntase tamén sobre a que partido votarían nunhas hipotéticas próximas eleccións ao Parlamento español. Neste sentido, o 26,7% dixo PSOE, fronte a un 22,1% que apostaría polo PP e un 10,4%, polo BNG.

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo (i), e o presidente do PP de Galicia e presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d), durante un acto do PP de Galicia, no Multiusos Fontes do Sar, a 15 de febreiro de 2025, en Santiago.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo (i), e o presidente do PP de Galicia e presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d), durante un acto do PP de Galicia, no Multiusos Fontes do Sar, a 15 de febreiro de 2025, en Santiago.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta