A Xunta solicita formalmente ao Estado a xestión do Pazo de Meirás cando sexa entregado polos Franco

O BNG urxe a aplicar medidas cautelares para protexer os bens e obras de arte que se atopan no inmoble.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/11/2020 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A Xunta solicitou formalmente ao Goberno central que o Executivo galego poida asumir a xestión do Pazo de Meirás unha vez sexa entregado pola familia Franco. Esta petición trasladouse a semana pasada, cando o Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña acordou a execución provisional da sentenza que declara que este ben como propiedade pública e ordena aos herdeiros do ditador a súa devolución o próximo 10 de decembro.

Un home observa a fachada do Pazo de Meirás
Un home observa a fachada do Pazo de Meirás | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, confirmou este sábado que o Goberno galego púxose en contacto cos Ministerios de Cultura e Facenda para que Galicia poida asumir a xestión do ben como patrimonio público mentres non finalice o proceso xudicial.

Rodríguez defendeu que Galicia demostrou unha vía de acción fundamentada no "consenso e o rigor", buscando "primar o interese xeral", e que a Avogacía do Estado seguiu a estrutura xurídica impulsada desde a Xunta parra lograr recuperar este espazo para os cidadáns.

É por iso que considera que Galicia está "en disposición" de xestionar o recinto, insistiu, e de deseñar unha serie de usos de carácter cultural para devolver o Pazo ás súas orixes e aos seus vínculos como "berce de grandes intelectuais" da Galicia moderna e contemporánea.

A pesar diso, apelou á prudencia, posto que aínda hai que revisar o estado de todos estes bens que se atopan no seu interior, aínda que no seu momento, cando se tramitou a declaración BIC do inmoble, fíxose unha catalogación do inventario inicial con todos os elementos que contiña o edificio.

PROTECCIÓN DOS BENS

No entanto, xa hai voces apremando ás autoridades da urxencia de executar a sentenza canto antes e de protexer os bens e obras de arte que se atopan no interior do Pazo.

O deputado do BNG Luís Bará advertiu dunha operación de mudanza na que participan entre corenta e cincuenta camións de transporte na que se están trasladando numerosos cadros, tapices e todo tipo de elementos da biblioteca de Pardo Bazán desde Meirás a propiedades do Franco.

É por iso que os nacionalistas galegos solicitan á Xunta que demande a aplicación de medidas cautelares ao xulgado para garantir e salvagardar a inmobilización de todos estes bens que forman parte do patrimonio público e que son froito do "espolio franquista".

XESTIÓN DE VISITAS

Pola súa banda, o Concello de Sada propuxo un convenio de colaboración entre as diferentes administracións de cara a abrir o Pazo ao público no prazo máis breve posible como centro de recuperación de memoria histórica e de estudo da vida e obra de Emilia Pardo Bazán, entre outros usos.

Este convenio interadministrativo definiría a xestión de usos e o financiamento necesario para este período transitorio, mentres o fallo non se afirme. O goberno local ofrécese, de novo, a xestionar as visitas ao inmoble e garantir a súa accesibilidade a todos os cidadáns, pondo fin "á vergoña" perpetrada polos herdeiros do ditador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta