Pontón reclámalle a Feixóo “menos anuncios e máis DOG” para rescatar á hostalería

Aposta pola vía posta en marcha polo Goberno de Alemania de compensar un 70% das perdas.

Por E.P. | Compostela | 09/11/2020 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

Menos anuncios e máis DOG”. É o que lle pide a líder do BNG, Ana Pontón, ao presidente galego tras unha sucesión de anuncios a través de comparecencias na TVG que non tiveron reflexo no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que xeraron, segundo di, “unha auténtica cerimonia da confusión sen plasmación en ningunha axuda concreta para o sector da hostalería”.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa ofrecida no Parlamento de Galicia. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa ofrecida no Parlamento de Galicia. BNG

Nunha rolda de prensa, Pontón puxo como exemplo o último anuncio do presidente da Xunta referido a unha liña de axudas para a hostalería dotada con 12 millóns de euros que beneficiaría a 12.000 establecementos. “Unha simple operación aritmética permite cifrar a contía que lle correspondería a cada local en mil euros, moi lonxe dos até 7.000€ publicitados a bombo e plato por Feixóo”, denunciou.

O que se precisa é un salvavidas social para que a crise non a volvan pagar os e as de sempre, pero empezamos a ver como os medios de comunicación se fan eco das colas en moitas cidades para poder acceder a alimentos e a bens de primeira necesidade que deixan ao descuberto a situación límite de moitas familias, moitas traballadoras do sector da hostalería”, explicou a líder nacionalista.

A líder do BNG aposta pola vía do Goberno de Alemaña de compensar un 70% das perdas. Ademais, xunto coas as axudas directas, propón outro tipo de medidas que axuden a pasar a crise derivada da COVID a un sector do que dependen miles de empregos, como a redución do custe dos alugueiros durante o tempo que dure a pandemia.

Entre as axudas que “non dan pasado da pantalla da TVG”, Pontón citou tamén o anunciado plan de rescate dos e das traballadoras autónomas. “Mentres que noutros territorios xa van polo segundo plan de axudas directas, en Galicia aínda non recibiron nin un só euro do goberno do PP pese a tratarse dun colectivo de 200.000 persoas”, criticou a portavoz do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta