A Deputación de Pontevedra quere recuperar os valores anteriores ao 36 cun programa de Memoria Histórica

O obxectivo é "reivindicar as ideas transformadoras que estaban vixentes antes do golpe de estado de 1936".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2020 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra presentou este martes o programa plurianual 'O pasado por vir' que desenvolverá o departamento de Memoria Histórica ao longo de todo o mandato co obxectivo de "reivindicar as ideas transformadoras que estaban vixentes antes do golpe de estado de 1936".

O programa contempla un amplo abanico de actividades tanto de investigación como de divulgación, incluíndo xornadas, audiovisuais, performances, exposicións, publicacións e unidades didácticas, "sempre con perspectiva de país, clase e xénero".

A deputada nacionalista María Ortega indicou en rolda de prensa que esta programación pretende "recoñecer a herdanza dunha xeración única e irrepetible" no ámbito empresarial, político, cultural e social, e transmitir a idea de que "coa guerra e a ditadura, aínda que arrasasen cos proxectos e mesmo aniquilasen ás persoas, as súas ideas e o seu legado seguen vivos e debemos coidar e celebrar a herdanza que nos deixaron".

Entre outras actividades, abordaranse as transformacións políticas, socioeconómicas e culturais que se produciron en Galicia entre 1900 e 1936, con especial referencia á provincia de Pontevedra; a contribución da Deputación de Pontevedra a estas transformacións (coa inauguración do Museo e a súa implicación no traslado á cidade da Misión Biolóxica e a creación da Caixa de Aforros); así como os principais fitos históricos como a fundación no 36 do Laboratorio Miguel Servet, antecedente de Zeltia, con Bóveda de promotor, a fundación do Partido Galeguista en Pontevedra 1931, ou a campaña do Estatuto, con artistas implicados como Castelao, Maside e Díaz Baliño, entre outros fitos.

Outro eixo do programa será o protagonismo das mulleres, "tanto pioneiras como de perfil obreiro" e os avances en materia de dereitos e liberdades que se estaban conseguindo "e que o franquismo destruíu", pondo como exemplo á valguesa Carme Sierra, primeira das poucas socias que tivo o Seminario de Estudos Galegos, ou Olimpia Valencia, a primeira galega médica.

Elsa Omil, veciña de Marín pelada polos falangistas en 1936
Elsa Omil, veciña de Marín pelada polos falangistas en 1936 | Fonte: Jerez Recuerda

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta