A Deputación de Pontevedra contará cun orzamento de 164 millóns para 2021

Refórzase a política social, a innovación e a dixitalización, a reactivación de sectores estratéxicos como a cultura e o turismo, e o mantemento da igualdade e o medio ambiente como eixos prioritarios.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra incrementa o seu orzamento un 2,2% en 2021 ata os 164,5 millóns de euros. Ademais, traballa nun Plan Especial co que busca superar os 200 millóns destas contas a través de remanentes e fondos europeos, co que se buscará reforzar o investimento público e reactivar a economía.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, Cesar Mosquera, presentaron este mércores as contas provinciais adaptadas a "unha situación excepcional" polo coronavirus baixo as directrices da Axenda 2030 e os seus 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable.

Así, refórzase a política social, a innovación e a dixitalización, a reactivación de sectores estratéxicos como a cultura e o turismo, e o mantemento da igualdade e o medio ambiente como eixos prioritarios.

Ademais, Carmela Silva destacou a situación de solvencia financeira da administración provincial que "na práctica" é de débeda cero.

Segundo informou, dos 41 millóns de débeda que o goberno se atopou en 2015, este ano conseguiuse reducila aos 3,9 millóns, mentres que para 2021 a previsión é baixar do millón.

"UN PROXECTO BEN PENSADO"

Para a presidenta, "é un orzamento que ten moi claro que é o que se quere facer nesta provincia". O obxectivo é "transformala tendo en conta o novo cambio de paradigma que se está producindo no mundo".

Así mesmo, Silva subliñou que no Goberno provincial (PSOE e BNG) hai "un proxecto ben pensado, ideado e deseñado para facer fronte á situación máis dramática que leva vivido a sociedade nos últimos 100 anos".

AUMENTO DUN 10% EN ACHEGAS A MUNICIPIOS

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera asegurou que "a do próximo ano vai ser a intervención máis excepcional e potente das que se fixo historicamente nesta casa para a intervención na economía e na sociedade".

Mosquera remarcou que a Deputación de Pontevedra "volve ser a administración provincial de todo o Estado que máis transferencias realiza aos municipios".

Segundo reflicten os últimos datos do Ministerio de Facenda, achega un 35,34% dos recursos, de forma que duplica a media do 18,2% do resto das deputacións provinciais.

En 2021, as achegas aos municipios aumentan ata os 61,2 millóns de euros, un 9,68% máis que en 2020, co Plan Concellos como "instrumento clave".

Pola súa banda, o reforzo da política social increméntase neste orzamento nun 3% ao chegar ata os 17 millóns de euros. De feito, duplícanse as axudas de emerxencia e o goberno deixa aberta a creación de novas liñas segundo evolucione a crise.

En materia de medio ambiente e políticas de sustentabilidade, o orzamento aumenta case un 11%, ata os 35,5 millóns de euros. Tamén se reforza cunha a súa subida dun 7,7% ata os 21 millóns de euros a cantidade destinada á reactivación do sector cultural, do turismo e do deporte.

CRITICAS DE COMISIÓNS OBREIRAS

Pola súa banda, o secretario da Sección Sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra, José Ramón Piñeiro, denunciou publicamente o "atropelo" que, ao seu xuízo, acomete o goberno provincial cos traballadores neste orzamento ao "retirarlle parte dos seus dereitos" conseguidos nas Mesas de Negociación e "amortizar postos de traballo" en servizos como o Parque de Maquinaria ou a Imprenta Provincial.

Entre outras críticas, asegura Piñeiro que durante os dous mandatos de Carmela Silva á fronte da Deputación "aumentaron as desigualdades" entre o persoal con diferenzas salariais por desempeñar o mesmo traballo e que se crearon "prazas innecesarias" por "intereses de partido e de amizade".

Carmela Silva presenta os orzamentos da Deputación de Pontevedra. PABLO HERNANDEZ GAMARRA
Carmela Silva presenta os orzamentos da Deputación de Pontevedra. PABLO HERNANDEZ GAMARRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O BNGuai vai ter que aclarar o seu apoio á Marquesa de Toralla mentras no Congreso á Ministra de Facenda dalle un ultimatum a Nestor Rego por votar contra os Orzamentos do Estado (?) Pero o peor destes orzamentos é que boa parte vanse gastar nun estadio de fúltbol en Vigo (xa levan 60 millons e aínda non remataron a faena!) e aínda non sabemos cantos cartos irán para a expropiación de 100 familias na Garrida-Valadares para o novo Parque Empresarial (de David Regades) ?