Só a CIG avala o teletraballo da Xunta que o resto dos sindicatos consideran "unha nova precarización"

CIG-Autonómica destaca que, co novo decreto, o teletraballo se "universaliza".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2020 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A normativa que regula o teletraballo na Administración Pública autonómica, que actualiza o de 2013, contou unicamente co aval do sindicato CIG e co 'non' de CSIF, UGT e CC OO, segundo confirmaron a Europa Press fontes sindicais.

O texto definitivo foi sometido á xunta de persoal o pasado mércores pero as centrais sindicais tiveron ata este venres para enviar o seu voto de forma telemática. Os apoios non condicionan que o texto sexa aprobado definitivamente, aínda que a Xunta negociou varios borradores para contar co respaldo das forzas sindicais, das cales só CIG deu luz verde.

O secretario de Acción Sindical de CSIF, José Sánchez-Brunete, explicou que a posición en contra deste sindicato baséase en que Galicia "non pode ter un teletraballo máis precario" que o que se asinou nunha comunidade como Madrid. "É un despropósito", dixo, para indicar que a proposta definitiva da Xunta foi "máis desfavorable" que a doutros territorios e "un ataque aos traballadores públicos".

Fronte a esta postura, a secretaria nacional de CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, destacou que o teletraballo se "universaliza" grazas a este decreto, fronte a 2013, cando esta central sindical non o apoiou e era unha modalidade "residual". Ademais, dixo que o apoio ao texto débese a un exercicio de "responsabilidade como sindicato maioritario na administración pública".

En declaracións a Europa Press, indicou que este acordo "permitirá baixar a presenza" de empregados nun momento de crise sanitaria. Ademais, indicou que, aínda que se manteñen as xornadas mínimas presenciais e outros cocientes, incluíronse a posibilidade de realizar un "plan individual" que permita aumentar as xornadas de teletraballo a máis do 50 por cento.

Zeltia Burgos sinalou, así mesmo, que o visto e prace ao decreto permite "desbloquear" o teletraballo na administración pública nun momento no que, dixo, estaban "paralizadas" todas as peticións precisamente, engadiu, porque este decreto non saíra adiante.

Unha das entradas do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago, sen tránsito pola crise do coronavirus.. EUROPA PRESS - Arquivo
Unha das entradas do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago, sen tránsito pola crise do coronavirus.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Quen poderá garantir á atención ao cidadán se todo se volve teletraballo ? Primeiro foron as listas de espera no Sergas, logo pasamos directamente á telemediciña en Atención Primaria ! Se vivisemos noutro mundo igual sería fantástico ter á Administración a golpe de clic, pero canta xente cobrou o IMV dende o mes de maio ? O sistema vólvese OPACO digamos como a atención ao cliente de Movistar, Aqualia, etc. etc. Tamén imos quedar sen Función Pública ? Os experimentos mellor con Gaseosa !