O alcalde de Ribadavia apela á "disciplina social" tras o peche perimetral do concello

O Sergas fará un cribado este sábado a veciños da localidade de entre 25 e 65 anos.

Por Europa Press / Redacción | Ribadavia | 13/11/2020 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, apelou á "disciplina social" para "reducir a incidencia da pandemia canto antes", despois de que o seu concello se sumase á lista de municipios pechados perimetralmente por mor dos casos de covid-19.

Dúas sanitarias preparan probas PCR
Dúas sanitarias preparan probas PCR | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

O rexedor sinalou que a día de hoxe a localidade conta con 67 casos activos --10 menos en comparación coa semana pasada-- e destacou que "non é de estrañar" que entren en vigor estas medidas na vila posto que "esa posibilidade" estaba sobre a mesa nos últimos días.

Ademais, expuxo que, tras o gromo da residencia xeriátrica, tamén se deron casos no centro escolar, polo que "se entende a decisión tomada".

Subliñou que se acatarán todas as medidas, que "xa son as impostas noutras áreas próximas como a do Carballiño" e que "non pillan de sorpresa".

Na mesma liña, sinalou que o Concello explicará á cidadanía a nova situación, aínda que xa "se colgaron publicacións nas distintas redes sociais alertando dos cambios de última hora".

Fernández apelou á "disciplina social, a responsabilidade individual e o bo comportamento" en canto a respectar as medidas para "tentar" que se reduza o impacto da pandemia "canto antes" e para que tamén as limitacións "teñan a menor duración posible e aqueles negocios que deben pechar poden recuperar o seu curso habitual".

CRIBADO POBOACIONAL

Así mesmo, o alcalde informou de que o Sergas se puxo en contacto co Concello para a realización dun cribado entre a poboación de Ribadavia que levará a cabo na tarde deste sábado no edificio do colexio da Alameda.

O segmento de idade no que se realizarán as probas abarca desde os 25 anos aos 65 anos e as persoas que terán que acudir ao test serán citadas ao longo deste venres.

César Fernández aseverou que "a intención" é lograr 500 PCR para "ter unha foto o máis exacta posible da incidencia real da covid entre os habitantes".

Do mesmo xeito, pediu que "non se acheguen persoas non citadas previamente", pois "non se lle realizarán as probas". Por último, chamou a "ser consecuentes" e "respectar" as ordes de sanidade, "que son os que entenden que comportamentos tomar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta