Temas: VILAGARCíA XOGO

Precintan en Vilagarcía un local clandestino de xogo no que se celebraban festas ilegais

Vendíanse e consumíanse bebidas alcohólicas e celebrábanse partidas de póker.

Por E.P. | Vilagarcía de Arousa | 19/11/2020 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

O Concello de Vilagarcía de Arousa pechou e precintou un local clandestino no que se realizaban festas ilegais, vendíanse e consumíanse bebidas alcohólicas e celebrábanse partidas de póker. En concreto, unha patrulla da Policía Local detectou na medianoite do sábado 14 a tres persoas en actitude sospeitosa que se saltaban o toque de queda e atopábanse na entrada dun baixo comercial, supostamente dedicado a instalacións eléctricas, co enreixado a medio baixar.

Póker.
Póker.

Inicialmente os axentes pensaron que se podería estar a producir un roubo, polo que baixaron do coche para proceder á identificación de tres persoas. Nese momento, dúas delas metéronse por baixo do enreixado para agocharse no interior do local.

Tras interceptar o terceiro, a patrulla accedeu ao establecemento, onde atoparon outras cinco persoas, unha das cales dicía ser o arrendatario do mesmo e que o utilizaba para reunirse con amigos.

Xa de partida, a Policía instruíu as pertinentes notificacións por incumprir tanto a restrición horaria como a prohibición de reunións de persoas non conviventes imposta en Vilagarcía pola normativa sanitaria vixente.

Na inspección ocular, os axentes comprobaron que o local estaba amoblado con varias cadeiras de brazos, mesas e cadeiras. E que mesmo estaba dotado de barra de bar, unha neveira con cervexas, refrescos e xeo, estantes con numerosas botellas de bebidas alcohólicas, varios paquetes de tabaco e unha caixa metálica con moedas.

MESA DE PÓKER E CÁMARAS INTERIORES

O local tamén dispuña dunha mesa de póker e unha caixa con fichas para este xogo, así como unha máquina comecartos e ata un sistema de vixilancia interior dotado con varias cámaras cuxas imaxes se monitoraban a través dun computador.

Ademais, había cartas de prezos impresas e códigos QR pegados nas paredes para informar o custo das bebidas, o que apunta cara a unha actividade comercial para a que carecía de permiso.

No seu rexistro, a Policía tamén interveu unha bolsa de plástico que acharon tirada no chan e que, aparentemente, contiña marihuana.

REINCIDENTES

Tras identificar e informar os individuos de que se lles ía denunciar por incumprimento da normativa sanitaria, os axentes ordenaron desaloxar o local no que só quedou o seu responsable.

A pesar diso, a Garda Civil Fiscal acudiu despois de novo ao local, situado na avenida Agustín Romero, para inspeccionalo, atopándose no seu interior a tres persoas reunidas (o responsable e outros dous mozos), que tamén foron denunciados pola dotación, que tamén levantou acta por actividade clandestina.

A consecuencia do atestado da Policía local, o Concello ordenou o peche e o precinto do devandito establecemento.

Temas: VILAGARCíA XOGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta