Vilalba e Laracha, novos concellos confinados

Sanidade suaviza as restricións no Carballiño, que pasa a nivel 2.

Por Galicia Confidencial | Vilalba | 20/11/2020 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O subcomité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia vén de acordar o establecemento de novas medidas restritivas nos concellos de Vilalba e A Laracha, ao tempo que decidiu  suavizar as restricións vixentes no concello ourensá do Carballiño.

Varios axentes de Policía Nacional dan o alto a un vehículo nun control de mobilidade
Varios axentes de Policía Nacional dan o alto a un vehículo nun control de mobilidade | Fonte: Europa Press

Tras a xuntanza deste venres, o grupo de expertos que avalía a expansión do coronavirus na comunidade galega acordou incorporar dous novos concellos ao grupo de municipios con restricións especiais

Na provincia da Coruña, o concello da Laracha incorporarase desde esta medianoite ao conxunto de municipios da comarca de Bergantiños, co que, ademais de ver incrementadas as súas restricións, a súa mobilidade tamén ficará restrinxida ao ámbito territorial conformado polo concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.  Así mesmo, o concello lugués de Vilalba verá reforzadas as súas restricións desde as 00:00 horas.

O CARBALLIÑO

Entre as novas decisións adoptadas destaca o levantamento das restricións especiais no concello do Carballiño, onde, desde esta medianoite, rexerán as medidas do nivel 2.  Ademais, cómpre salientar que as localidades de Ribeira e A Rúa, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o subcomité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.

As medidas serán publicadas na xornada de hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e  entrarán en vigor a partir das 00:00 horas da media noite deste venres 20 de novembro. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña subliña que se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán aliviar paseniñamente as súas restricións”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta