Temas: EMPRESA CEG CEP

Empresarios de Pontevedra, dispostos a deixar a Confederación galega

O presidente da CEP cre que a dimisión de Díaz Barreiros foi un "erro".

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 30/11/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, avogou este luns por suprimir o voto delegado nas eleccións da patronal galega, porque "pervirten" o sentido democrático do proceso, e sinalou que a dimisión de Díaz Barreiros, 48 horas despois de ser proclamado presidente da CEG, foi un "erro". Así o trasladou tras participar nunha reunión do comité directivo e comisión permanente da CEP, na que, entre outras cuestións, informouse o proceso electoral da pasada semana.

Reunión do Comité Directivo e a Comisión Permanente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP)
Reunión do Comité Directivo e a Comisión Permanente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) | Fonte: Europa Press

Cebreiros cuestionou os argumentos dados por José Manuel Díaz Barreiros para presentar a súa dimisión, e sinalou que a CEP "non pode asumir" que se xustifique esa decisión porque a organización provincial reclamase información. A ese respecto, defendeu que a CEP está "no seu absoluto dereito" de pedir eses datos sobre as votacións, e que "se podería evitar todo este balbordo" se a Confederación galega fose "transparente" desde o principio e informase no momento.

"A CEP non tiña como obxectivo impugnar un acto no que participamos", subliñou, e lembrou que el mesmo estivo "na foto" da proclamación de Díaz Barreiros porque "era o lóxico" en aras da unidade, unha vez que Pedro Rey retirou a súa candidatura. "Recoñezo que nese momento non pensei no voto telemático", apostilou, antes de sinalar que, dos 54 votos telemáticos, 10 foron votos en branco, 21 foron para Díaz Barreiros e "curiosamente" 23 foron para o candidato que se retirou.

A ese respecto, tamén apuntou que houbo "tres persoas que levaron 105 votos delegados", o que é "unha perversión da democracia", especialmente cando hai medios dispoñibles para que se poida votar telematicamente. "Por que hai que levar delegacións? Por que tres persoas poden decidir o futuro da organización?", cuestionou.

CAMBIO DE "ACTITUDES" E NON DE ESTATUTOS

Jorge Cebreiros sinalou que, en todo caso, a dimisión de Díaz Barreiros foi "un erro", que non contribúe á boa imaxe da CEG, á que "afecta gravemente". No entanto, puntualizou que "non parece prudente convocar eleccións inmediatamente" e pediu unha "reflexión" e un "pacto de cabaleiros" na CEG para permitir que os 180 reprentantes empresariais voten "libremente", así como un "compromiso" para "renunciar ao voto delegado"

"Temos que modificar o funcionamento da organización, e non é necesario un cambio de estatutos, senón de actitudes", proclamou o presidente da patronal pontevedresa, quen advertiu de que "esperar, volver aos vicepresidentes e modificar os estatutos é perder o tempo, e Pontevedra non está para perder o tempo".

ABANDONO DA CEG

Respecto diso, Cebreiros volveu pór sobre a mesa o abandono da CEG por parte da Confederación de Empresarios de Pontevedra. "Levamos desde 2013 cun caos de presidentes, tres anos cun caos de interinidade, e non pasou nada, Pontevedra leva tres anos gañando diñeiro, estando nos medios, defendendo o AVE, saída sur, o Corredor,...", afirmou.

"Teño que facer unha reflexión, axudounos nalgún momento nos últimos tres anos a CEG no que pedimos? Non. Pois igual non fai falla unha Confederación galega, senón provinciais e sectoriais potentes (...) Igual non hai que estar dentro dos sitios que non funcionan", sentenciou, e avanzou que a organización que preside tomará unha decisión respecto diso o próximo 14 de decembro.

Preguntado acerca dos posibles motivos polos que a CEG leva anos rodeada de polémica, sen unha organización efectiva, Jorge Cebreiros sinalou que "igual hai algúns que non teñen outro modelo de funcionamento máis que ese".

Nese sentido, insistiu en eliminar os votos delegados e "deixar funcionar" ao equipo que saia elixido, á vez que rexeitou que a CEP teña "afán de protagonismo". "O meu compromiso é con Pontevedra, quédanme aquí dous anos e non teño intención nin me vou presentar á galega. Eu xa dei un paso atrás, deixemos que outros o dean adiante e deixemos que traballen", pediu.

Temas: EMPRESA CEG CEP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta