A Xunta cualifica de "globos sonda" o eventual cobro de peaxes en autovías

A conselleira Ethel Vázquez cre é habitual facer estas afirmacións desde o Goberno central "cando hai outro tipo de problemas que teñen que resolverse".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, advertiu de que "é moi difícil opinar" sobre "globos sonda", en relación ao eventual cobro de peaxes nas autovías.

"Penso que volve ser un globo sonda como adoitan facer e é habitual en moitas ocasións cando hai outro tipo de problemas que teñen que resolverse", destacou Vázquez, a preguntas dos xornalistas coincidindo cun acto en Santiago con construtores.

"Desde logo", engadiu a conselleira, "ese posicionamento contrasta moitísimo co discurso de Ábalos de traballar para a subvención da AP-9".

Respecto diso, volveu a mostrar as súas dúbidas sobre que este último extremo, relativo á autoestrada AP-9, se vaia "cumprir". Pola contra, augurou que subirá as súas peaxes en 2021.

Cuestionada polo que fará a Xunta coas de titularidade autonómica o próximo exercicio, reivindicou que tanto A Coruña-Carballo como a do Val Miñor "son das máis baratas de toda España" e valorou o incremento das bonificacións, que si haberá en 2021, segundo dixo, para familias numerosas.

DE FORMA "SOSEGADA"

O Goberno central abordará de forma "sosegada" o pago polo uso de "custosas" autoestradas e autovías coas distintas formacións políticas ao considerar que "o lóxico é que os usuarios contribúan ao seu mantemento", como no caso doutras infraestruturas de transporte como os portos, aeroportos ou ferrocarrís.

Así o sinalou o director do Departamento de Asuntos Económicos no Gabinete de Presidencia do Goberno, Manuel de la Rocha, durante a súa participación no I Simposio do Observatorio da Mobilidade, a semana pasada.

Autovía do Morrazo
Autovía do Morrazo | Fonte: © Miguel Núñez.

LICITACIÓN OBRAS

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladou aos construtores que a licitación de obra pública da Xunta en decembro alcanzará os 152 millóns de euros en actuacións que terán 2.800 empregos "aparellados", segundo os seus datos.

Tras unha reunión coa Federación Galega da Construción, nunha comparecencia conxunta ante os xornalistas, Vázquez reivindicou que o Goberno galego "tirou da licitación" durante este ano 2020, marcado pola pandemia do coronavirus, e agregou que "quere seguir ese camiño en 2021".

Así as cousas, en decembro prevé licitar "máis de 150 millóns" que teñen "aparellados 1.800 empregos", en obras como o hospital de Montecelo (que levará a maior parte desta contía), o centro integral de saúde de Lalín e actuacións en materia de xestión da auga.

A conselleira presentou aos construtores o orzamento do seu departamento para o próximo exercicio, que soben un 18%, e destacou que o obxectivo é "dinamizar a economía e aproveitar a oportunidade única que supoñen os fondos europeos" para realizar investimentos. Tamén subliñou que a súa intención é "axilizar" actuacións "e ser diligentes" en 2021.

"CRISE SEN PRECEDENTES"

Por parte da Federación Galega da Construción, o seu presidente, Diego Vázquez, valorou o "impulso" que prevén os orzamentos da Xunta para 2021 para o sector, co obxectivo de "paliar esta crise sen precedentes".

No que á construción respecta, reivindicou a "capacidade para xerar emprego de calidade" e tamén a "gran responsabilidade" mostrada durante o confinamento ao traballar "por ser un sector esancial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta