Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2020 | Actualizada ás 10:34
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou unha alerta laranxa por temporal en toda a costa galega a partir da tarde deste luns, xa que se esperan fortes ventos e ondas de ata seis metros.
En concreto, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé que o fenómeno meteorolóxico adverso comece ás primeiras horas da tarde no noroeste e oeste das provincias da Coruña e Lugo, e cara á noite no suroeste da Coruña e no litoral de Pontevedra.
Así, espéranse ventos desde o noroeste de forza sete ou oito, ademais de mar combinado desde o noroeste con ondas de ata seis metros. Por iso, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior xa informou da situación aos concellos, deputacións, servizos, agrupacións de Protección Civil e clubs náuticos da costa, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.
A Xunta lembra aos cidadáns a "importancia de manterse afastado da liña de costa", o que inclúe diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos e todas as zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que arrastre persoas ou obxectos.
Tamén aconsella "extremar" as medidas de seguridade á hora de realizar actividades no mar, revisar ben os cabos e amarres das embarcacións e suspender as actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.