Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2020 | Actualizada ás 18:58
O PSdeG demanda ao conselleiro do Medio Rural, José González, que se desculpe de forma pública por "insinuar" na súa conta de Twitter "que existían funcionarios que cobraban" pola realización dos trámites para solicitar corta de madeira.
Nun comunicado emitido este domingo, o deputado socialista Martín Seco censura as palabras do conselleiro que, di, provocaron "a indignación maiúscula de moitos integrantes do colectivo".
Por iso, demandou ao responsable autonómico que emita as súas desculpas de forma pública e que esta vaia acompañada de "unha rectificación para que o sistema de solicitude poida realizarse tamén presencialmente".
E é que, segundo resaltou Seco, "moitos cidadáns" están con dificultades para realizar esta solicitude burocrática porque "non teñen acceso a Internet ou carecen da capacidade técnica necesaria" para empregar a vía telemática.
En resumo, Martín Seco remarca que as declaracións de González foron "moi graves e inaceptables" para proceder dun titular dunha consellería. "A honorabilidade dos traballadores públicos non se pode pór en cuestión sen achegar probas", remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.