Un total de 25 detidos nun operativo antidroga cunha das responsables de 70 anos

A operación 'Varrido', iniciada a finais de 2019, levou a desarticular 14 puntos negros na capital galega e a que 13 persoas ingresasen en prisión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2020 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

A Policía Nacional detivo a un total de 25 persoas, imputadas por tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal, tras a investigación e desarticulación dunha rede de venda de estupefacientes en Santiago de Compostela pero que se estendía por varios municipios da provincia de Pontevedra.

Segundo informa a Policía Nacional, trátase da operación 'Varrido', enmarcada no plan global para a preparación do Ano Santo Xacobeo 2021 que desenvolve a comisaría da capital galega. Aínda non se deu por concluída, polo que poderían producirse máis arrestos.

A operación iniciouse nos últimos meses de 2019, cando os axentes centraron as súas pescudas en "numerosas denuncias" de veciños que alertaban da existencia dun punto negro de venda de droga na zona de San Roque. Por mor disto, a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago ordenou a súa investigación.

A "repercusión mediática" que tivo o caso na prensa provocou que os presuntos responsables "se dispersaran por outros lugares da cidade" e establecesen novos puntos de venda no centro histórico e na zona de Pelamios, onde ademais "ocuparon ilegalmente varios inmobles", segundo relata a Policía.

RESPONSABLES EN SANTIAGO E MOS

O corpo logrou identificar aos principais responsables da distribución dos estupefacientes --cocaína e heroína, maioritariamente--, que se trataba de tres provedores en Santiago e en Mos.

O primeiro deles era un veciño da capital galega "con numerosos contactos" na zona de Cambados, Padrón, Ribeira, Cee e mesmo en Madrid. Ademais, abastecía de cocaína, heroína e haxix a outros traficantes da cidade e á súa área de influencia. O segundo dos provedores resultou ser outro home, de orixe dominicano, que "en conivencia co seu irmán" ambos eran os responsables de distribuír cocaína no ensanche compostelán.

A "sorpresa" para os axentes chegou co terceiro destes provedores, xa que se trataba dunha veciña de Mos de 70 anos que establecera un 'piso franco' na localidade do Milladoiro, en Ames. Esta muller, relata a Policía Nacional, desprazábase "varias veces á semana" ata Santiago de Compostela "co fin de abastecer de cocaína e heroína a outros traficantes de menor entidade" da cidade.

Á súa vez, identificouse á persoa que abastecía á septuaxenaria, outro veciño de Mos de 68 anos que tamén tiña antecedentes por tráfico e establecera contactos con outros traficantes de localidades de Pontevedra onde adquiría a droga, para posteriormente proporcionala á muller.

DETENCIÓNS E REXISTROS DOMICILIARIOS

A "complexidade e envergadura" da denominada operación 'Varrido' levou a que se organizase en varias fases. A titular do número 1 de Santiago foi quen, unha vez identificados estes primeiros integrantes da rede, ordenou a súa detención e practicáronse rexistros domiciliarios.

Os arrestos, ata un total de 25, levaronse a cabo en Santiago, Brión --parroquia de Bastavales--, Mos, Salceda de Caselas e O Porriño. Con todo, o groso da armazón localizábase na capital galega, con 14 puntos de venda desarticulados nas zonas de San Roque, Ensanche, Fontiñas, Conxo, San Pedro, casco histórico, Belvís, San Caetano e Pelamios. Das 25 persoas detidas, 13 ingresaron en prisión.

EFECTOS INTERVIDOS

Así mesmo, o total da droga intervida polos actuantes alcanzaba os 400 gramos de cocaína, 300 gramos de heroína, 100 de marihuana, 75 de haxix, 150 pastillas de metadona e 700 gramos de sustancia de corte. A isto súmanse 60.000 euros en efectivo, 18 básculas de precisión, 26 teléfonos móbiles, unha pistola detonadora, tres envasadoras sen carga, xoias e dous vehículos.

Diñeiro, drogas, móbiles e efectos intervidos na operación 'Varrido'.. POLICÍA NACIONAL
Diñeiro, drogas, móbiles e efectos intervidos na operación 'Varrido'.. POLICÍA NACIONAL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta