A Cámara dá vía libre á lei que permitirá aprobar grandes instalacións eólicas ou mineiras en tempo récord

O BNG acusa ao PP de estender unha "alfombra vermella para as agresións ambientais" e o PSdeG espera que se teñan en conta as súas emendas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

A toma en consideración da futura Lei de simplificación administrativa e reactivación económica de Galicia, unha lei duramente contestda por numerosos colectivos ecoloxistas e sociais por permitir acurtar os permisos de instalación de grandes industrias, entre elas minas ou parques eólicos, foi aprobada este martes para a súa tramitación mediante un proceso de urxencia co respaldo do PPdeG, a abstención do PSdeG-PSOE e o rexeitamento do BNG.

O pleno da Cámara galega acolleu o primeiro debate da proposición de lei, que foi defendida polo viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular, Miguel Tellado, quen destacou que esta norma ten un obxectivo "moi claro": "Xerar confianza, que é fundamental para reactivar a economía, incentivar o consumo e lanzar unha mensaxe de protección".

Para iso, segundo indicou, a futura lei vira ao redor de tres eixos, como son a "axilización dos trámites administrativos", o "apoio e o financiamento" a empresas e profesionais, así como a "anticipación para aproveitar a oportunidade que representan os fondos europeos" de reactivación.

OS SOCIALISTAS ABSTÉÑENSE

Pola súa banda, os socialistas, que se abstiveron, replicaron a Tellado que esperan que "esa man tendida" ofrecida "se materialice en que o PP teña en conta as emendas dos grupos para enriquecer o texto". "Espero que neste caso se valore o traballo da oposición, que é moito", sostivo a deputada Begoña Rodríguez Rumbo.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: DUVI

Ademais, criticou que o PP tardase "dez meses" en traer á Cámara unha lei para unha "simplificación administrativa" que considera "moi importante" para a reactivación. "Se vostedes quixesen sacar esta lei en tempo poderían facelo como fixeron outras comunidades", manifestou antes de referirse a territorios que aprobaron con anterioridade normas similares.

O BNG VOTA EN CONTRA

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas cualificou a iniciativa do PP de "atropelo democrático" e de "tomadura de pelo". "O Partido Popular abraza unha vez máis a absoluta desregulación", afirmou para considerar que na práctica o texto suporá "a barra libre" para "regalar" os recursos galegos a "as grandes multinacionais". "Isto é o que é esta lei por moito que neguen coa cabeza", argumentou.

Noa Presas asegurou que "é indecente" pór ao "Parlamento ao servizo da Xunta para que se salte trámites". "O que fai é acurtar prazos, simplificar servizos e pór en perigo aos traballadores, que van ter que asumir como propios informes que fan chiringuitos privados", censurou para incidir en que se trata "dunha lei de privatización da administración pública, unha alfombra vermella para as agresións ambientais e unha barra libre para o eólico".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta