Os cazadores rebélanse contra a liberdade de caza total da Xunta: "Está fóra de lugar e non hai emerxencia cinexética"

Din que non hai danos a cultivos agrícolas como din desde a Xunta e qe os xabaríns van a zonas urbanas e semiurbanas onde xa non se poden cazar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2025 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Caza ve, neste momento, "fóra de lugar" a declaración de emerxencia cinexética de xabaril que se activará este sábado en Galicia e permitirá a caza sen límite desta especie en ata 254 concellos ata o último día do período hábil de caza, o 22 de febreiro de 2026.

Esta medida, provisional e extraordinaria, aplicarase por quinta vez en Galicia despois de que a Xunta recorrese a ela con anterioridade en 2019, 2021, 2023 e 2024. Con todo, nesta ocasión, atopou oposición no sector dos cazadores. O presidente da Federacion Galega de Caza en Pontevedra, Francisco Couselo Castiñeira, non ve "moi acertada" a adopción desta medida no momento actual e considera "suficiente" a tempada hábil de caza. "Pensamos que iso é suficiente", apunta.

Este período comezou, no caso dos terreos de réxime cinexético común, o 16 de agosto. Desde o 1 de setembro e ata o 5 de xaneiro de 2026, unicamente poderase cazar os sábados; a partir do 7 de xaneiro ata o 22 de febreiro, tamén se poderá xoves, domingos e festivos.

A situación de emerxencia cinexética aplícase como unha medida de reforzo ao período hábil, segundo defende a Consellería do Medio Ambiente. Para aplicala ten en conta os avisos de danos sobre cultivos agrícolas, superficies afectadas, superficie danada en función da total da comarca, censos gandeiros de porcino doméstico e accidentes de tráfico.

Un home caza nos montes de Cameixa, a 12 de outubro de 2024, en Boborás, Ourense
Un home caza nos montes de Cameixa, a 12 de outubro de 2024, en Boborás, Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

OS XABARÍNS VAN ÁS CIDADES

Pola súa banda, o representante pontevedrés da Federación Galega de Caza considera que, á hora de aplicala, debería atenderse ao "cambio de hábitat" do animal, cunha maior presenza en zonas urbanas e periurbanas: "É un animal moi intelixente para sobrevivir e vaise a ir a zonas periurbanas, onde ten maleza para refuxiarse".

Desta forma, considera que os posibles danos restrínxense a cidade, xardíns ou lugares nos que o animal pode supor un perigo para os viandantes. "Pero son zonas de seguridade e aí non podemos cazar. Só pode intervir os concellos con xaulas", explica. Outro dos argumentos que emprega a organización de cazadores en oposición á aplicación da medida é a ausencia de danos a cultivos agrícolas. "Agora non hai cultivos e a agricultura non sofre ningún dano, como pode ser no sementado de millo", engade Couselo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta