Denuncian que o acurtamento de liñas de bus da Xunta deixa a aldeas de Ames sen conexión con Santiago

Piden que non se supriman liñas que conecten directamente coa capital. O Concello de Ames di que a nova liña Milladoiro-Bertamiráns, permitirá máis frecuencias con Santiago.

Por Galicia Confidencial | Ames | 23/12/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

As modificacións nas concesións de rutas do transporte público en Galicia aprobadas pola Xunta que entraron en vigor este 23 de decembro afectaron a numerosas aldeas da contorna metropolitana de Santiago que quedarán sen servizo de autobús.

AUTOBUSES LONGA DISTANCIA
AUTOBUSES LONGA DISTANCIA

Así, acontece nas parroquias de Biduído, Bugallido e Ortoño, en Ames. "Está ben que nos comuniquen con máis frecuencia con Bertamiráns e o Milladoiro", afirma Manuel Casal Lodeiro, un dos veciños da zona afectada, en referencia á amplicación da liña interior en Ames "pero sempre é preciso desprazarse a Santiago para facer compras ou xestións, e hai persoas que o fan a cotío para ir á universidade, ao instituto ou ao seu traballo".

Algúns veciños critican a nula información por parte do concello de Ames e ter que sabelo nas últimas horas e case de casualidade. Por iso, piden que se amplíe a liña de Rois ou poñer unha lanzadeira para enlazar coa liña P2. "Tamén podían unir Bertamiráns con Compostela pasando polas aldeas", propoñen.

"Non pode ser que vaiamos cara para atrás e que no canto de ter máis transporte público o vaian quitando. É isto unha mobilidade sustentable?", reclama Manuel Casal. Este veciño forma parte do colectivo Ames Pospetróleo, que tenta facer concienciación desde a radio municipal sobre a necesidade de dispoñer de medios públicos de transporte como medio de liberarse da dependencia do vehículo privado e do petróleo, un combustible, afirman desde esta asociación, que ten os días contados.

CONCELLO

Pola súa banda, desde o Concello de Ames lembran que levan pedindo a ampliación dunha liña ata o núcleo de Bertamiráns de cara a buscar un mellor rendemento da mesma e ampliar o número de usuarios.

Con todo, destaca que a nova liña XG8071401 do Milladoiro a Bertamiráns permitirá a conectividade coas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído cos núcleos urbanos e a súa posterior conexión con Santiago, a través das frecuencias diarias desde as 8:30 horas dirección Bertamiráns, ata as 20.00 horas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta