Médicos galegos contra a polémica da eutanasia: "non se pode pontificar con temas tan sensibles"

A Agamfec posiciónase en favor da nova lei, pero advirte contra posturas "monolíticas": "non ten ningún sentido falar da eutanasia dende o rexeitamento máis absoluto ou cunha adhesión inquebrantable".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2020 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

A eutanasia, tema polémico como poucos, vén de regresar á máis directa actualidade coa lei de despenalización do Goberno; e, con ela, regresan ao día a día dos medios as respostas a favor ou en contra do recurso, moitas delas absolutamente “monolíticas”. Contra estas vén de manifestarse a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, que ve necesario “saír ao paso” para corrixir a “falta de representatividade” do “variado mundo dos médicos” que se aprecia nas últimas declaracións.

Sanitario e paciente en imaxe de arquivo.. Eduardo Parra - Europa Press
Sanitario e paciente en imaxe de arquivo.. Eduardo Parra - Europa Press

A posición dos sanitarios galegos agrupados nesta plataforma devén dun rexeitamento das posicións absolutas. “Falar da eutanasia tanto desde un rexeitamento absoluto como desde unha adhesión inquebrantable non ten ningún sentido”, subliñan. Dende a asociación recoñecen que temas tan sensibles, que “teñen que ver cos nosos máis íntimos valores e crenzas”, “non son para pontificar”. “Cada un terá a súa respectable opinión e non debemos crernos en posesión da verdade”, engaden.

A Agamfec si se molla, con todo, para “aceptar esta situación” e expresar a súa “solideriedade e comprensión” ante unha decisión dese calibre. “Trátase dunha decisión de acabar cunha vida que non se desexa continuar, por unha situación persoal meditada, dura e insoportable”, subliñan. É por esta razón que se marcan a favor da nova lei estatal: “gústanos definirnos como comprometidos coas persoas, que é un desexo e compromiso fácil de entender e menos suxeito a variacións que a defensa da vida, como concepto máis etéreo”. 

Ante estas circunstancias, dende a plataforma inciden na necesidade de aproximarse á problemática “sen paternalismo, sen infantilizar nin considerar frívola unha cuestión tan difícil”. “Despenalizar significa non engadir máis pena a algo que xa comporta a suficiente carga de dor. Apostamos máis pola empatía, a solidariedade e a comprensión, emocións coas que nos sentimos mais cómodos neste difícil debate”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta