Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 14:43
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, fixouse como reto para o próximo ano "reactivar a economía" ante un 2021 que, segundo recoñeceu, estará "marcado pola crise económica". Neste sentido, e nun encontro con xornalistas, lembrou que o goberno local ultima un novo plan de reactivación económica e social (Presco), tras executarse este ano o primeiro en resposta á pandemia.
Así se pronunciou a rexedora nun encontro cos medios de comunicación no que fixo balance das actuacións levadas a cabo nun contexto de crise sanitaria que, segundo recoñeceu, fíxolle "chorar" nalgunha ocasión ao chegar a casa. "Non o esquecerei nunca", admitiu. Con todo, destacou a xestión realizada polo goberno local, citando as licenzas concedidas, o pago a provedores "en prazo" ou medidas como o plan de choque posto en marcha, así como "as axudas económicas directas para emerxencia a case 4.000 familias".
PEIRAOS INTERIORES
"Demostramos que se pode facer política doutra maneira", dixo apelando ao "diálogo" cos demais grupos políticos, pero tamén con outras administracións. Neste sentido, manifestou que o seu obxectivo é convocar ás distintas administracións implicadas no futuro dos peiraos da cidade a unha reunión en xaneiro.
"Hai que sentar as bases para a creación dun ente público que xestione eses terreos", engadiu sobre os peiraos interiores. Ao fío diso, incidiu na necesidade de revisar os convenios de 2004, abordar a débeda da Autoridade Portuaria pola execución do porto exterior e a conexión ferroviaria a Punta Langosteira, que cualificou de "urxente".
CASA CORNIDE
Noutra orde de cousas, e preguntada pola Casa Cornide, ratificou a intención do consistorio de emprender accións legais para a súa recuperación para o patrimonio público. Sobre os bens que, segundo denunciou o BNG e a plataforma Defensa do Común, retiraron o Franco da vivenda, dixo que descoñece se houbo unha mudanza. "En todo caso, esa casa aínda pertence aos Franco", recoñeceu a rexedora quen, no entanto, dixo que espera que non se retirasen "bens susceptibles de pertencer ao patrimonio público".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.