(Vídeo) Esta é a historia de Confi ou Manoliño, o arroaz solitario da ría de Muros e Noia

Confi ou Manoliño leva xa máis de ano e medio vivindo entre mariscadoras e pescadores. Tras ser expulsado da súa manda, buscou o contacto cos humanos para cubrir as súas carencias sociais e emocionais. GC viaxou con Alfredo López, da Cemma, para tentar comprender o seu comportamento. E esta é a súa historia.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Confi ou Manoliño, segundo a quen se lle pregunte, é un cetáceo solitario que foi detectado en Portosín, na Ría de Muros-Noia a segunda metade do ano 2019. Un exemplar que posiblemente foi expulsado da manda de forma violenta, como así o testemuñan as numerosas marcas que ten no seu corpo. Porén, repúxose desa situación de desánimo psicolóxico e decidiu vivir só no interior da Ría.

Confi na Ría de Muros-Noia
Confi na Ría de Muros-Noia | Fonte: Fonte: Alfredo López e Pablo Covelo

Durante un tempo viviu nas inmediacións do porto, a onde o resto dos arroaces non o ían buscar, e comezou a acompañar ás embarcacións. Mais, pouco a pouco, descubriu que algúns humanos, ademais de dirixir a embarcación, mergullábanse na procura de cousas do fondo, polo que durante os meses de marzo a setembro acompañou aos mergulladores da navalla de Noia e Porto do Son.

Nun comezo era distante. Pero pouco a pouco foi gañando confianza ata que en setembro pasado un dos mergulladores sucumbiu as súas reclamacións e rachou a súa burbulla de cristal. Tivo lugar entón o primeiro contacto directo con intensidade entre os humanos e o cetáceo. A partir de aí, Confi comezou a buscar eses contactos diariamente.

CONTACTO COS ARROACES

Uns contactos qeu desaproban os biólogos polo perigo que poden ter tanto para o animal como para as persoas, como apunta o biólogo do CEMMA, Alfredo López, xa que no contacto cun arroaz dáse unha situación de risco de agresión, polo imprevisible do seu carácter e porque é un animal grande e potente, que mesmo sen querer pode mancar. 

Confi na Ría de Muros-Noia
Confi na Ría de Muros-Noia | Fonte: Fonte: Alfredo López e Pablo Covelo

Galicia Confidencial acompañou a este biólogo e a responsables da Confraría de Muros e Noia na procura deste arroaz solitario pola ría. Finalmente, demos con el en Portosín. E alí, Confi comezou a amosar o seu carácter máis amable. Esta é a historia deste arroaz solitario e os consellos que temos que seguir se nos atopamos con el.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta