Aumentan as praias pechadas na provincia da Coruña pola presenza de centos de carabelas portuguesas

A alcaldesa da cidade herculina pide á poboación que non se achegue aos areais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/01/2021 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

A presenza de centos de carabelas portuguesas nas costas da provincia da Coruña obrigou a aumentar nas últimas horas as praias pechadas en diferentes municipios.

Carabelas portuguesas nunha praia de Carballo
Carabelas portuguesas nunha praia de Carballo | Fonte: Concello.

A Policía Local de Ferrol pechou o acceso a seis praias desta cidade, todas elas de mar aberto. Na Coruña, a alcaldesa, Inés Rey, pediu á cidadanía que non se "achegue" aos areais e que tampouco teñan contacto coas carabelas por "o risco que supoñen". "Estamos a pedir que non se acheguen aos areais, que non as toquen nin xoguen con elas", apunta.

Mentres, concellos como o de Carballo informou de que Protección Civil retirou nas últimas horas máis de 600 carabelas portuguesas, "pero aínda quedan moitísimas". Lembra que non se deben tocar, xa que a súa picadura provoca, como mínimo, unha dor moi intensa.

A Policía Local de Ferrol sinalizou con carteis informativos a decisión de peche. Esta especie venenosa está a ser retirada por voluntarios da agrupación de Protección Civil de Ferrol, unha tarefa que iniciaron na tarde do domingo, 3 de xaneiro, e que proseguiu durante este luns.

As concellarías de Medio Ambiente, que dirixe Ana Lamas, e de Seguridade, da que é titular Germán Costoya, traballan de forma conxunta para coordinar as actuacións que se están desenvolvendo nas praias. Calquera persoa pode avisar á Policía Local se as ve.

ESPECIE PERIGOSA, PERO NON LETAL

Segundo expertos, a chegada desta especie ás praias galegas debeuse aos ventos do norte e ás correntes mariñas.

Inciden en que son unha especie perigosa para as persoas e tamén para as mascotas, aínda que non letal se non se ten ningunha alerxia previa.

Así, apuntan que se trata dunha falsa medusa que ocasiona unha picadura moi dolorosa e que outros colectivos como os pescadores, mariscadores ou surfeiros deben de ter en conta.

PRAIAS PECHADAS NA CORUÑA

Na inauguración dunha estatua nas Conchiñas, a alcaldesa da Coruña informou de que se manteñen pechados areais. "Descoñezo cando terminará a praga, pero os técnicos de Medio Ambiente están a traballar para iso", detallou.

Rey pediu "sentido común" e lembrou que está "prohibido" acceder ás praias, como no municipio veciño de Oleiros, lembrou, onde tamén se detectou a chegada desta especie aos areais hai uns días.

Ademais de por a presenza das carabelas portuguesas, expuxo a alcaldesa, o peche dos areais tamén era "conveniente" polo temporal que azoutou o municipio a fin de semana. "Non está o tempo como para bañarse", chanceou, asegurando que estes exemplares de aspecto similar ao das medusas é "mellor velos en foto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta