Decembro foi un dos meses máis chuviosos desde 1981

Durante o último mes do ano as temperaturas medias foron "normais", segundo Meteogalicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2021 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

Galicia despediu o ano 2020 "con máis choiva da esperada" e temperaturas normais "para a época", tal e como conclúe o avance do informe climatolóxico de decembro que elabora Meteogalicia e que apunta que o pasado decembro foi, xunto co de 2019, o quinto mes máis húmido de todo o período histórico de referencia.

Respecto das precipitacións, Meteogalicia --departamento que depende da Consellería de Medio Ambiente--- sinala que, nalgúns lugares de Galicia, as choivas dobraron os valores habituais, "aínda tendo en conta que decembro é o mes máis chuvioso". Este exceso de precipitacións, segundo indicaron, fíxose notar sobre todo no oeste da comunidade debido á chegada consecutiva de borrascas moi activas durante a primeira semana do mes.

Os datos achegados polo organismo autonómico indican que, tendo en conta as estatísticas das estacións máis representativas durante o período 1981-2010, en decembro choveu un 67% máis do normal, unha situación, con todo, "moi similar á do ano pasado".

A precipitación media acumulada foi de 334 l/m2 e os valores máis altos alcanzáronse practicamente na totalidade das provincias da Coruña e Pontevedra, así como en gran parte de Lugo, onde se superaron os 400 l/m2. A outra cara móstrana as comarcas deTerra de Lemos e as depresións da provincia de Ourense, cos valores máis baixos, "aínda que con cantidades importantes".

TEMPERATURAS "NORMAIS" PARA A ÉPOCA DO ANO

Doutra banda, Meteogalicia indicou que as temperaturas presentaron un comportamento "moito máis normal" e destacaron que a chegada de 'Doura' e 'Ernest' --centros de baixas presións-- e a entrada de ventos do norte e borrascas frías, que provocaron un descenso das temperaturas, e mesmo neves por baixo dos 1.000 metros, xogaron un importante papel na "normalidade" alcanzada finalmente polas temperaturas.

Segundo indicou o organismo, os baixos valores que, debido a estes fenómenos, rexistráronse durante a última semana, "cancelaron as anomalías positivas coas que arrincara o mes, á vez que as máximas frías rexistradas compensáronse cunhas mínimas cálidas".

A temperatura media para este período, en comparación aos valores rexistrados entre 1981 e 2010, foi apenas 0,12 graos por baixo do habitual, polo que Meteogalicia considerou decembro de 2020 "un mes normal no conxunto de Galicia". O valor medio das máximas situouse nos 10,1 graos, mentres que as mínimas alcanzaron os 4,1 graos.

Os datos por provincias indicaron que os rexistros máis altos nas temperaturas máximas producíronse no litoral pontevedrés e lucense --con medias próximas aos 14 graos-- e os máis baixos na alta montaña de Lugo e de Ourense --lixeiramente por encima dos 0,5graos--. No que respecta ás mínimas, os valores máis baixos rexistráronse en puntos da montaña ourensá, onde non se alcanzaron os 0 graos, e os máis altos na costa, onde destaca sobre todo a zona da Coruña, cuxa mínima media superou os 10 graos.

Non hai paraugas que aguanten a forza do vento e da chuvia do temporal
Non hai paraugas que aguanten a forza do vento e da chuvia do temporal | Fonte: Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Foi Valle Inclán un visionario ao que ninguén fixo caso, dicía que o gran problema de Galicia era que tiña máis de mil ríos, e toda esa riqueza perdíase no mar... Se non andamos espabilados farán o mesmo que fixeron coa enerxía hidráulica (da galega Fenosa á catalana Naturgy) Alguén fará cartos vendendo dereitos que o Estado otorgará GRATIS ! https://elpais.com/clima-y-medio-am...