Por GC Tendencias | A Coruña | 01/07/2013 | Actualizada ás 23:32
Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais, asegura que «Mundos Dixitais xa se consolidou como unha das tres referencias europeas en materia de animación, efectos especiais e arquitectura dixital» e subliñou o peso dalgunhas conferencias que o programa ofrece tales como a presentación de «Fast and Furious 6» ou a sesión especial sobre os efectos especiais de O hobbit que impartirá o coruñés David Caeiro, entre outras.
Pola súa banda, o representante da Fundación Novacaixagalicia, Gonzalo Ortiz fixo referencia ao aspecto da empleabilidade do festival e afirmou que «Mundos Dixitais serve, a través das súas xornadas de recrutamento, como unha plataforma de emprego e de promoción de novos talentos. Hoxe en día ser un motor de emprego é un mérito e gran valor».
O festival continúa coa súa estrutura tradicional que se articula en catro grandes bloques: as xornadas de recrutamento e networking; , as conferencias en materia de arquitectura dixital e animación; e, os premios 3DAwards de Arquitectura Dixital e o seu Festival Internacional de Animación. Na presente convocatoria o Premio Especial Mundos Dixitais é para Félix Bergés pola súa traxectoria profesional, que ofrecerá unha conferencia na sesión de clausura do festival.
No marco da que será a súa sede, un ano máis, o Centro Sociocultural da Fundación Novacaixagalicia en Coruña, emprazado no Cantón Grande, s/n. estiveron presentes Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais, Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña, Gonzalo Ortiz, membro da comisión xestora da Fundación Novacaixagalicia e Carlos Negreira, alcalde do Concello da Coruña.
Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña, agradeceu a Mundos Dixitais «o seu traballo e o seu esforzo para facer de Coruña unha capital dixital e un punto de referencia internacional nesta materia».
Negreira, alcalde da cidade, pola súa banda engadiu que «é un orgullo para esta cidade acoller a un dos tres eventos internacionais máis destacados en materia de animación dixital» e subliñou a presenza un coruñés como finalista dos premios 3DAwards de Arquitectura Dixital e dunha curtametraxe galega como finalista do Festival Internacional de Animación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.