A muller asfixiada, supostamente, pola súa filla na Coruña tentara suicidarse varias veces, segundo unha testemuña

Representantes da comisión xudicial que acudiron a desahucialas confirman a existencia dunha nota explicando o sucedido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2021 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

A muller que foi asfixiada, supostamente, pola súa filla na Coruña en 2019 xa tentara suicidarse varias veces, segundo declarou un sacerdote próximo á familia, que explicou que a acusada non tivo unha infancia "fácil" e que viviu "apartada e illada".

Así o relatou no xuízo, con xurado, que se celebrou na Audiencia Provincial da Coruña e que continuou coa declaración de membros da comisión xudicial que acudiron ao desafiuzamento fixado para o 25 de marzo do 2019 por falta de pagamento do alugamento.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Dúas delas explicaron que había unha nota nunha estancia da entrada e, ao pensar que podía ser un suicidio, deron aviso á Policía. Os axentes explicaron, pola súa banda, que atoparon á vítima tendida no chan e tapada parcialmente por unha manta.

"A casa estaba moi sucia", explicou un deles sobre o que viron na vivenda. Outro apuntou que había envases de medicamentos baleiros encima dun frigorífico, cuestión na que incidiu a avogada da defensa nas súas preguntas ás testemuñas.

Entre eles, estiveron tamén un sacerdote próximo á familia que atribuíu ao pai un carácter "moi difícil" e apuntou que se chegou a falar de "malos tratos". "É unha nena ferida por todo o que viviu", dixo sobre a acusada e as circunstancias familiares.

Os veciños, pola súa banda, aseguraron que nunca escoitaron berros procedentes da vivenda. Unha delas dixo que a procesada ás veces falaba do irmán "coma se estivese vivo". "Coidaba moito á súa nai", relataron tamén. "Había complicidade entre nai e filla", expuxo o sacerdote.

SOLICITUDE DE PENAS

Por un delito de homicidio, a Fiscalía solicita 14 anos de cárcere. No seu escrito de cualificación, afirma que dous días antes do desafiuzamento "ben como desenlace dunha discusión entre a acusada e a súa nai derivada do inminente abandono da casa ou ben porque a primeira quixese desprenderse da carga persoal que supuña a súa nai na nova vida que tiña pensado iniciar", presuntamente, asfixiou á súa proxenitora "cun coxín ou unha almofada".

Pola súa banda, a defensa argumenta que a procesada ten un trastorno mental e que os feitos son constitutivos dun homicidio imprudente ou, subsidiariamente, auxilio de suicido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta