A presidenta da Deputación de Pontevedta tacha de "trilerismo" o plan de axudas da Xunta á hostalaría

Critica que non informou dos seus plans ao resto de administracións implicadas.

Por E.P. | Pontevedra | 15/01/2021 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou de "trilerismo político" o anuncio do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, de pór en marcha un plan de axudas á hostalaría, similar ao modelo Valencia, que permita habilitar un Fondo de cooperación financiado polo Goberno galego, as deputacións e os concellos.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación.

Silva sinalou este venres que o vicepresidente da Xunta "xoga de farol" porque non informou dos seus plans ao resto de administracións implicadas sobre este "proxecto pantasma".

Carmela Silva esixiu "respecto aos sectores produtivos que o están pasando certamente mal", á vez que acusou ao Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo de usar "ao vicepresidente como o trileiro maior do Reino" e funcionar "sen ningún tipo de rigor"

"Só reacciona de maneira improvisada cando ten á xente na rúa", criticou Silva para, a continuación, censurar que "sen falar con ninguén, sen chamar a ninguén, sen estratexia de cooperación e con total deslealdade institucional" a Xunta anuncie ante os medios un "suposto" plan de axudas ao sector no que se implica aos concellos e as deputacións.

"É dicir, ao mesmo mundo local ao que desprezou durante todo un ano, ao que non quixo recibir, ao que non deu nin unha soa resposta aos seus chamamentos de colaboración agora di a Xunta que lles quere obrigar a colaborar", afirmou Carmela Silva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta