A primeira Lei de Arquitectura de Galicia dá un paso máis cara a súa tramitación

A Xunta busca con este texto "potenciar a seguridade xurídica", alcanzar unha "simplificación" da normativa e "axilizar" trámites.

Por E.P. | | 16/01/2021 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

A futura lei de arquitectura de Galicia que prepara a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda finalizou o pasado 4 de xaneiro o período de consultas previas, durante o cal un total de 38 interesados trasladaron as súas achegas. Tras este trámite, que estivo aberto durante un mes, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo avanza outro paso no proceso administrativo do texto co fin de elevalo proximamente ao Consello da Xunta, xunto coa súa memoria xustificativa e económica.

Así, segundo informa o Goberno galego nun comunicado, será o Consello o que autorice o inicio de tramitación desta nova lei, outro proceso que incluirá fases como a información pública, o proceso de audiencia e a solicitude de informes perceptivos.

Nos trámites concluídos o pasado día 4, o texto normativo recibiu achegas por parte de entidades e colectivos relacionados co sector, como os colexios de delineantes e técnicos superiores proxectistas da Coruña, o de camiños, canles e portos, o de aparelladores e arquitectos técnicos, así como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. A todos eles a Consellería agradeceu a súa "implicación".

Agora, antes de remitir o texto ao Consello, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo estudará "todas as súas consideracións e achegas" co fin de introducir todas aquelas cuestións "que melloren ou enriquezan" a futura lei de arquitectura.

"EQUIPARAR" A GALICIA A OUTRAS CCAA

A norma, tal e como explica a Xunta, permitirá "equiparar" a Galicia a outras comunidades autónomas que xa contan cunha regulación neste sentido, como é o caso de Cataluña e Estremadura. Con esta nova lei, o Goberno galego pretende que a arquitectura responda en cada infraestrutura a un "amplo abanico de intereses e expectativas" nos que incide --como son o ámbito cultural, económico, social e ambiental--, algo no que "en ocasións" as normas sectoriais "non sempre acompañan".

Así, entre os obxectivos principais do novo texto, están o de "establecer as directrices" a considerar na contratación pública de servizos de arquitectura, definir as titulacións profesionais competentes para "potenciar a seguridade xurídica e reducir a conflitividade competencial", así como buscar "unha simplificación" normativa e "axilizar" trámites, entre outros.

Tamén se creará o Consello da Arquitectura de Galicia, con representantes dos colexios profesionais e institucións de ensino, artes e empresas, con funcións de asesoramento, seguimento, proposta e comunicación. Ao mesmo tempo, a Xunta destaca que a elaboración desta lei "ofrece unha resposta á demanda das institucións europeas", que instan os Estados membros a "implantar as políticas de sensibilización e recoñecemento da arquitectura".

Edificios e farois.. XUNTA
Edificios e farois.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta