Os casos en residencias aumentaron máis do dobre desde o 27 de decembro

Nieves Cabo estrea este domingo a segunda fase de vacinas nas residencias

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2021 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

Nieves Cabo, a primeira en ser vacinada contra a covid-19 en Galicia, estreará este domingo a segunda fase de vacinación nas residencias de maiores, que comeza polo mesmo centro no que se administraron as primeiras doses o pasado 27 de decembro, na Porta do Camiño de Santiago de Compostela. Esta compostelá de 82 anos será tamén a primeira en recibir en Galicia a segunda dose da vacina, coa que se completa o proceso de inmunización contra o coronavirus.

Ata o momento, segundo os datos difundidos polo Sergas este sábado, administráronse 49.768 vacinas en Galicia, a maioría en residentes e traballadores de centros de maiores, primeiro grupo prioritario para recibir as 18.000 doses da vacina de Pfizer que a Administración central envía semanalmente a Galicia.

O arranque da segunda fase de vacinación en residencias foi avanzado o pasado xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que cifrou no 94% a porcentaxe de traballadores e usarios de xeriátricos que recibiran a primeira dose ata ese momento.

O obxectivo fixado pola Xunta de Galicia, comunidade que figura entre as que maior volume de vacinas puxo respecto das recibidas co 86,0 por cento --49.768 de 57.880 dose--, é concluír a finais de xaneiro ou principios de febreiro a inmunización de traballadores e usuarios de residencias. Con todo, o propio Feijóo lembraba que naqueles centros onde se produciron brotes será necesario "esperar" para administrar a segunda dose.

INCREMENTO DE CASOS EN XERIÁTRICOS

E é que a situción dos xeriátricos empeorou de forma substancial desde que Nieves Cabo se converteu na primeira vacinada en territorio galego o pasado 27 de novembro. Desde esa xornada, na que se contabilizaban 114 casos en residencias de maiores, os usuarios de residencias contaxiados aumentaron un 60% ata os 345 positivos notificados pola Consellería de Política Social no último balance, ofrecido este sábado.

VACINACIÓN DE SANITARIOS

Por outra banda, desde mediados desta semana avanza o proceso de vacinación do segundo grupo prioritario, o persoal sanitario. As primeiras vacinas fornecéronse o mércores con máis de 5.000 profesionais vacinados e o obxectivo a alcanzar son os 20.000 esta semana. Os primeiros profesionais do Sergas en recibir a vacina son o persoal de urxencias, críticos, oncohematoloxía, HADO (unidades de hospitalización a domicilio), unidades covid, diálese, microbioloxía e 061, entre outros. Todo iso seguindo a orde alfabética como criterio.

En estudo atópanse os protocolos de vacinación para os seguintes grupos por parte de Sanidade e Política Social, que estarán enfocados inicialmente aos profesionais sanitarios que non se atopen "en primeira liña" e para o persoal sociosanitario dos centros de día e do Servizo de Atención no Fogar, segundo detallou Feijóo, que fixou como horizonte mediados de febreiro para iniciar esta fase.

Co ritmo de subministración de vacinas (e mesmo sumando as de Moderna, coas que se roldarían as 20.000 á semana), a Xunta calcula que todo o persoal do Sergas estaría inmunizado --é dicir, recibiría as dúas doses-- a final de febreiro ou principios de marzo. En canto ao seguinte colectivo prioritario, o dos grandes dependentes, procederase á vacinación a partir de principios do mes de marzo.

Neves Cabo Vidal, unha muller de 82 anos residente do centro de maiores Porta do Camiño de Santiago, foi a primeira persoa en recibir a vacina contra a Covid-19 en Galicia, en Santiago de Compostela (Galicia, España), a 27 de decembro de 2020. As. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Neves Cabo Vidal, unha muller de 82 anos residente do centro de maiores Porta do Camiño de Santiago, foi a primeira persoa en recibir a vacina contra a Covid-19 en Galicia, en Santiago de Compostela (Galicia, España), a 27 de decembro de 2020. As. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta