Bankia vs NCG

O FROB acaba de comunicar o seu propósito de vender NCG antes de outubro. Os plans respecto de Bankia son xustamente os contrarios o cal chama a atención sendo ámbolos dous casos ben similares.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 12/07/2013

Comparte esta noticia
NCG, como todo o mundo sabe, recibiu 9.000 millóns de euros do Estado para cubrir o seu inmenso burato financeiro. Bankia percibiu 20.000. NCG, como Bankia, foi vítima da delirante xestión dos dirixentes das súas entidades de orixe. NCG, como Bankia, é o resultado de fusións mal dixeridas. E NCG, como Bankia, presenta unha cota de mercado significativa na súa área de implantación primixenia. 
 
A razón que esgrime o FROB para manter Bankia como entidade nacionalizada independente é o suposto “risco sistémico” do banco con sede en Madrid. Soa a falacia. O risco sistémico representa o potencial de contaxio que unha entidade provoca en caso de quebra nunha economía ou nun sector básico. Pero aquí ninguén está a falar de quebras. O Estado decidiu salvar ámbalas dúas entidades con monumentais inxeccións de fondos e aínda quedan 60.000 millóns de euros dispoñibles en caso de necesidade. O risco está cuberto, xa sexa sistémico, endémico ou raquítico. 
 
Aínda máis: é que acaso na xa esquecida absorción do Central Hispano polo Santander se tivo en conta ese suposto “risco sistémico” do banco absorbido? E na de Argentaria polo BBV? E nas grandes fusións internacionais? Non, non se tivo en conta porque precisamente o resultado dunha fusión ou absorción ha ser un grupo máis forte e mellor preparado para enfrontarse a futuras crises financeiras.  
 
Se cadra, habería outro motivo de diverxencia: a maior confianza do Banco de España na nova cúpula directiva de Bankia respecto á de NCG. Non os culpo: algunhas decisións e mesmo proxectos de Novagalicia semellan máis propios do satélite que dá voltas arredor da Terra que deste planeta noso que aínda abeira, suponse, vida intelixente. Pero se este fose o caso, a perda de confianza na cúpula directiva de NCG, con cambiala arranxarían o asunto. E cambiala ben poderían ostentando como ostentan o 100% do capital. 
 
Outras han ser as razóns para trato tan diferente. Un sospeita que a identificación territorial está a xogar un papel relevante unha vez máis. A marca Bankia está vinculada a Madrid. Como banco, igual que antes Cajamadrid como caixa, amosa o perfil idóneo para apoiar os proxectos estratéxicos da Comunidade e do Concello madrileño. A posibilidade de integrar Bankia noutra entidade encontraríase con resistencias de todo tipo e magnitude doadas de imaxinar. 
 
O FROB desvelou o interese de varios grupos financeiros por facerse coa propiedade de NCG. A quen pode estrañar? Unha entidade financeira saneada trala inxección de fondos públicos, cunha estrutura reducida á mínima expresión agás en certos illotes aínda por depurar, capaz novamente de xerar beneficios, cunha cota hexemónica nun mercado tradicionalmente san, e con opcións de novos aforros (supresión dos servizos centrais) en caso de absorción. Todo este pastel financeiro a previsible prezo de ganga tal como están as cotizacións da banca española a día de hoxe. Pois claro que hai interese, e non o vai haber! 
 
Malia eu non ser partidario da banca pública (as razóns darían para outro artigo), o caso é que NCG e Bankia son nestes momentos institucións dominadas polo Estado que poden, e deben, xogar un papel esencial na distribución de crédito. Ademais, están en condicións de constituírse no brazo financeiro principal dos seus territorios de orixe. A súa función nestes momentos é demasiado crítica como para renunciar a ela por intereses nada disimulados de grandes corporacións privadas. 
 
É o momento para comprobar se a clase política galega, nomeadamente o seu goberno, pinta algo nas instancias do Estado. Se é capaz de deter a operación e, cando menos, adiala para o fin daquel prazo de 2016 que se determinou non hai tanto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego