Marcha Gaetán e chega Hortensia, a oitava gran borrasca da tempada con ventos de máis de 100 km/h

A máxima rexistrada está en Viveiro, con 122,6 km/h.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2021 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) puxo nome á próxima borrasca que afectará con gran impacto á Península Ibérica e que chegará este xoves despois do paso de 'Gaetán', a primeira dunha sucesión de borrascas que se sucederán polo menos ata o 26 de xaneiro. Bautizada como 'Hortensia' esta será a oitava borrasca de gran impacto da tempada, que comezou o 1 de outubro, e a terceira de 2021.

'Hortensia' chegará hoxe e provocará ao longo do día e, sobre todo, o venres, refachos de vento forte, de máis de 70 quilómetros por hora en Galicia, onde prognosticou ondas de máis de cinco metros de altura.

Transeúntes camiñan protexidos por unha vía da Coruña. M. Dylan - Europa Press
Transeúntes camiñan protexidos por unha vía da Coruña. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

De feito, o país amenceu este xoves con refachos de vento por encima dos 100 quilómetros hora tanto no litoral como en puntos do interior. Aínda que os refachos máximos rexistráronse na costa --Penedo do Galo (Viveiro), con 122,6 km/h e Punta Candieira (Cedeira) con 111,0 km/h--, o interior tamén é azoutado polos ventos nas primeiras horas deste xoves.

Así, en Vimianzo rozáronse os 110 quilómetros hora minutos antes das 09,00 horas, mentres que na Pontenova se alcanzaorn os 102,1 quilómetros.

E é que a práctica totalidade do territorio galego, coa excepción do noroeste da provincia de Ourense, atópase este xoves en aviso amarelo por ventos, unha alerta que estará activa ata a tarde e elevarase a grao laranxa durante a madrugada ante a previsión de refachos de máis de 100 quilómetros hora.

Nas Rías Baixas, a zona máis afectada polo paso da borrasca 'Gaetan' o mércores, tamén se rexistraron fortes refachos de vento. A máxima na zona ata o momento foi captada en Cabo Udra (Bueu) con 100 quilómetros. En canto ás precipitacións, polo momento son de menor volume que o mércores, cando chegaron a recollerse case 100 litros por metro cadrado en Santa Comba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta