Anova denuncia que Feijóo entregará a empresas amigas a xestión dos fondos europeos para Galicia

"É un agasallo de fondos públicos para que un oligopolio controle sectores estratéxicos e de futuro para Galiza", critica.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/01/2021 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia estuda crear unha sociedade mixta público-privada e de maioría privada con capacidade de xestionar a estratexia dos fondos europeos. Unha posibilidade que desbota Anova Irmandade Nacionalista que denuncia a intención do presidente galego de entregar "a dedo" a determinadas empresas escollidas por el a xestión da principal fonte de investimentos de Galicia nos vindeiros anos. 

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen conéctase á Conferencia de presidentes autonómicos celebrada este luns en Madrid onde se analizará a repartición dos fondos europeos de reconstrución, a 26 de outubro de 2020.. Pool
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen conéctase á Conferencia de presidentes autonómicos celebrada este luns en Madrid onde se analizará a repartición dos fondos europeos de reconstrución, a 26 de outubro de 2020.. Pool

"É un escándalo democrático que da continuidade ao proceso opaco e antidemocrático de xestión dos fondos europeos de reconstrucción iniciado coa constitución dun Comité de Expertos coa presencia de grandes corporacións e onde está ausente calqueira representación das traballadoras e traballadores, ou mesmo de PEMES, encargado de propor proxectos", denuncia nun comunicado.

Ademais, critica a "escuridade" coa que se leva este asunto que relaciona co "segredo absoluto sobre os 108 proxectos escollidos por esta elite empresarial sobre os que casi nada se coñece". "Isto é unha privatización do goberno dos fondos europeos, entregando a súa xestión a empresas nomeadas a dedo por Feijóo, que ademáis poderán acceder a eses mesmos fondos, facendo de xuíz e parte”, declarou  o voceiro nacional desta formación, Antón Sánchez.

A formación nacionalista di que isto se trata dun "agasallo de fondos públicos para que un oligopolio controle sectores estratéxicos e de futuro para Galiza como son o enerxético e forestal" que vincula coa nova Lei de simplificación administrativa e de reactivación económica e o Plan Forestal que o PP pretenden aprobar.

“Os miles de millóns que poden chegar a Galiza deben enfocarse a atender as necesidades básicas da xente; no traballo, na saúde, no ensino ou na vivenda, e non para o beneficio duns poucos amigos do PP”, apuntou Antón Sánchez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta