Autocoidado, un espazo creado para axudar a preservar a saúde emocional en tempos de pandemia

Esta iniciativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia propón comprometernos co noso propio benestar para "lograr unha maior satisfacción".

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia creou na rede un Espazo de Autocoidado”, co obxecto de contribuír a preservar a saúde emocional da comunidade galega, proporcionando ferramentas e recursos para comprir este fin.

Cartel de Autocoidado
Cartel de Autocoidado | Fonte: Fonte: Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Esta iniciativa parte da necesidade de visibilizar e atender á conciencia do autocoidado da nosa saúde mental no contexto da pandemia pola COVID-19, como elemento imprescindible no benestar das persoas e tamén da sociedade no seu conxunto.

A atención ao autocoidado é moi importante neste momento, xa que como comunidade estamos vivindo un verdadeiro desafío, a Covid-19, que supón un risco para a nosa saúde mental ao implicar un alto nivel de estrés. 

Así, iranse presentando accións e recursos encamiñados a mellorar a saúde mental a través do coidado propio no espazo online habilitado para o proxecto Autocoidado. Unha destas iniciativas será un programa de oito sesións de mindfulness aberto para a cidadanía.

AUTOCOIDADO

O autocoidado é o modo no que nos coidamos e nos tratamos, supón facernos responsables e comprometernos co noso propio benestar, escoitando e tomando conciencia de “como estou” e “que preciso”.

Coidarse é “ternos en conta desde a amabilidade e o aprecio, e atendernos física, emocional, social e espiritualmente para lograr unha maior satisfacción”, segundo explican desde o Grupo de Traballo de Autocoidado do COPG, que lidera esta actividade.

Ademais, o autocoidado permite unha mellor regulación emocional e permite ser máis resistente ás dificultades da vida cotiá. Tamén favorece sentimentos como a estima, a confianza ou a seguridade, e permite experimentar maior enerxía e optimismo, así como unha maior concentración, polo que mellora o rendemento e a produtividade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta