Feijóo evita facer autocrítica e volve cargar contra o Goberno de Sánchez pola terceira onda da pandemia

BNG e PSdeG critican que non asuma responsabilidades na súa xestión. O presidente galego di que non descarta endurecer as medidas se fai falta pero rexeita o confinamento total.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

A reunión que o venres manterán o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, marcou a comparecencia na Cámara do mandatario galego, quen aproveitou para buscar o apoio dos grupos políticos ás propostas que levará á Moncloa, entre duras críticas ao Goberno estatal por "non xestionar nin deixar xestionar" a pandemia. Unhas propostas que, curiosamente, non negociou con socialistas e nacionalistas.

Durante a súa comparecencia para explicar os efectos desta terceira onda da pandemia, Feijóo defendeu a súa xestión e a toma de medidas, entre elas as últimas restricións, que entraron en vigor ás 00,00 horas deste mércores.

Mentres os líderes da oposición --Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG)-- afeáronlle a súa "falta de autocrítica" e a súa estratexia de "confrontación", Feijóo replicou que "mentres sexa presidente" atenderá antes ás recomendacións do comité clínico que ás que lle formule calquera partido político. E volveu a insistir en que o confinamento xeral que tería "terribles" consecuencias económicas e sociais, polo que debe ser "o último recurso".

En todo caso, para non xerar "falsas expectativas" a unha "sociedade madura" como a galega, admitiu que non pode pechar a porta a que haxa que endurecer máis as medidas e advertiu que, aínda que os datos galegos de taxa de mortalidade e presión asistencial, por exemplo, son aínda "mellores" que os do conxunto estatal, a Xunta "non dubidará en aplicar medidas máis rigorosas" se é "imprescindible".

E el, engadiu, dará a cara ante os galegos para anuncialas. Farao porque é o presidente --dixo-- dun Goberno "no que ninguén se esconde". No polo oposto situou ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez, ao que instou a "asumir as súas responsabilidades", xa que "toda España atópase no pico da terceira onda".

"CONFRONTACIÓN" E "FALTA DE AUTOCRÍTICA"

Pola súa banda, tanto a líder do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG coincidiron ao críticar que Feijóo acuda de novo á "confrontación" co Estado e a culpabilizar á cidadanía para eludir as súas "responsabilidades" na xestión da pandemia. Fronte a iso, emprazáronlle a "anticiparse" e a "porse a gobernar".

A líder nacionalista, que alertou da gravidade dos datos, censurou que "o primeiro" que fixese Feijóo despois do Nadal fose "botar a culpa" aos galegos da situación "sen facer autocrítica" e reprochoulle que "non fose capaz de pór sobre a mesa a única medida que é capaz de cortar de raíz" os contagios que, na súa opinión, pasa por "un confinamento de dúas semanas", ampliable.

O socialista, que censurou a "soberbia" mostrada por Feijóo e chamoulle a "baixarse do pedestal", cargou contra a "política do anuncio continuo" do mandatario galego, a quen lle gusta, dixo, "porse as medallas cando as cousas van ben", pero despois pon o foco na actuación doutras administracións, sobre todo do Goberno, así como na propia cidadanía.

Feijóo entra no hemiciclo do Parlamento galego.. Xunta de Galicia
Feijóo entra no hemiciclo do Parlamento galego.. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta